HomePontevedraCaldasA andaina reivindicativa contra o trazado da Variante Oeste desafía á choiva...

A andaina reivindicativa contra o trazado da Variante Oeste desafía á choiva e conta coa participación do tenente de Alcalde de Portas e unha nutrida presencia veciñal

- Anuncio -spot_img


A mobilización cidadá convocada pola Plataforma Variante NON volveu demostrar a unidade e determinación da veciñanza de Portas e Caldas de Reis fronte ao proxecto da Variante Oeste promovido polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible xa que mobilizou a todos os sectores sociais e políticos entre os que se atopaba, en representación do Concello de Portas, o tenente de alcalde Alfonso Vázquez. Nin sequera a intensa chuvia puido deter a andaina reivindicativa, na que participaron centos de persoas baixo o lema “Variante NON, queremos outra solución”.

Durante o percorrido de cinco quilómetros entre a rotonda de Tivo e distintos puntos do trazado previsto, os asistentes expresaron o seu rexeitamento a unha infraestrutura que, segundo denuncian, “vai estragar o rural sen solucionar nada”. A marcha desenvolveuse en ambiente pacífico e participativo, coa colaboración de Protección Civil e coa participación de veciños e familias de todas as idades.

Entre os asistentes destacou a presenza do tenente de alcalde do Concello de Portas, Alfonso Vázquez, quen acudiu en representación do Goberno local para reiterar o apoio do Concello á veciñanza e o rexeitamento institucional ao proxecto actual da Variante Oeste. O propio pleno municipal de Portas aprobou recentemente, por unanimidade, unha moción contraria ao trazado, sumándose así ao malestar social e ambiental que o proxecto está a xerar.

Alfonso Vázquez destacou “a forza e o compromiso da cidadanía de Portas, que defende con orgullo o seu territorio e o seu modo de vida rural”. Tamén insistiu na necesidade de que o Ministerio “escoite ás administracións locais e procure alternativas máis sostibles e respectuosas co medio e coa veciñanza”.

Plataforma Variante NON anunciou que continuará promovendo accións informativas e mobilizacións nos vindeiros meses, co obxectivo de conseguir a paralización do actual trazado e abrir un proceso real de diálogo coa veciñanza afectada.

Publicacións Relacionadas