Asistiron profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, do Hospital do Salnés e tamén dos centros de Atención Primaria que remataron durante os dous últimos anos a súa traxectoria profesional
O acto, no que se despediu a arredor de 270 traballadores, contou coa asistencia do delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, o xerente da Área Sanitaria, José Ramón Gómez e a xefa Territorial da Consellería de Sanidade, Natalia Botana
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrou hoxe no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra o acto de homenaxe ao persoal xubilado do Servizo Galego de Saúde durante os anos anos 2019 e 2020 que cesou na súa actividade no Complexo Hospitalario de Pontevedra, no Hospital do Salnés e na rede de centros de Atención Primaria desta área.
Este extraordinario acto no que, por imposibilidade de celebrarse o pasado ano 2020 por mor da COVID 19, despediu a arredor de 270 traballadores que remataron nos dous últimos anos a súa traxectoria profesional no Servizo Galego de Saúde, contou entre outros responsables coa asistencia do delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, o xerente da Área Sanitaria, José Ramón Gómez e a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Natalia Botana.
A homenaxe comezou coa recollida de agasallos por parte dos profesionais asistentes á cerimonia, que continuou coa lectura de honor dos nomes dos traballadores xubilados. En representación deste amplo colectivo interviron o ex xefe de servizo de Pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra, o doutor Gonzalo González Lorenzo, a técnico superior de laboratorio de análises clínicas, Carmela Bas e a ex-coordinadora de enfermaría do centro de saúde de A Parda, Carmen Abeledo.
Emisión de vídeos
O acto de homenaxe ao persoal xubilado do SERGAS durante os anos anos 2019 e 2020 contou coa emisión de sendos vídeos, un deles coa felicitación e actuación da Coral Polifónica “O CHOPO” e outro coa felicitación do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen transmitiu aos profesionais da Área o seu agradecemento polo traballo de toda unha vida para o bo funcionamento do Sistema Sanitario e polo ben da cidadanía de Pontevedra e de Galicia.
Para o titular de Sanidade da Xunta de Galicia, a misión do Servizo Galego de Saúde é “contribuir a mellorar a saúde dos nosos pacientes, garantindo ao mesmo tempo a sostenibilidade do sistema sanitario”. Neste senso, Julio García Comesaña resaltou na súa intervención no vídeo que “adicar toda unha carreira profesional ao coidado do paciente é un labor que desenvolvemos entre todos desde moi diferentes disciplinas. Todas as categorías son importantes. Por iso, a labor de profesionais da medicina, a enfermaría, a administración ou o mantemento, entre outras áreas de traballo, merecen o recoñecemento de tantos anos de esforzo e entrega. Grazas pola vosa experiencia, o voso coñecemento e a vosa capacidade”.
Colosal traballo dos profesionais homenaxeados
Pola súa banda, o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o doutor José Ramón Gómez, destacou na súa intervención a importancia do ¨colosal traballo realizado polos profesionais hoxe homenaxeados¨ aos que agradeceu a súa adicación durante todos estes anos e aos que fixo un chamamento para que, a pesares da súa xubilación como persoal activo, non se afasten dunha institución da que sempre formarán parte. Así mesmo, tivo unha especial lembranza cos profesionais que traballaron e traballan loitando contra a actual pandemia de COVID 19, así coma a todas as persoas que faleceron por esta causa.
Ademais dos tradicionais obsequios, os traballadores recibiron unha tarxeta dourada que lles identifica como persoal xubilado da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que, segundo expresaron as autoridades asistentes, representa que continúan a ser unha importante parte desta Institución e que, como tales, serán sempre recoñecidos.



