Deles, 13 son médicos de familia, 2 son matronas, 18 especialistas hospitalarios e 4 enfermeiras de familia
José Ramón Gómez Fernández instou aos Especialistas a continuar formándose e actualizando coñecementos para acadar maior calidade asistencial e mantendo coma prioridade o benestar da Sociedade
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai contar con cinco prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago de Compostela nas especialidades de Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Dermatoloxía, Medicina Interna e Psiquiatría
A Área Sanitaria celebrou hoxe no Hospital Montecelo o acto oficial de despedida dos 37 Especialistas que remataron a súa formación nos hospitais e centros de saúde de Pontevedra e O Salnés. Neste evento -que estivo presidido polo xerente José Ramón Gómez Fernández e polos presidentes da Comisión de Docencia, os doutores Ismael Arán González e Álvaro Rodríguez Pomares- fíxose entrega dos certificados de Especialistas aos 37 residentes que completaron os seus anos de formación.
Deles, trece son médicos de familia, dúas son matronas, dezaoito son especialistas hospitalarios e catro son enfermeiras de familia. Durante a súa intervención, o responsable da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés aconsellou aos profesionais que remataron o seu programa formativo que aproveiten ao máximo os retos que a partir de agora terán no sistema sanitario.
“A vosa aportación na continxencia asistencial que minimiza o impacto da COVID-19 nesta Área Sanitaria foi outro grande punto de inflexión profesional para vos. Con esta experiencia aínda presente, non esquecedes apoiarvos no esforzo denodado e o traballo de equipo de todas as categorías profesionais que conforman o sistema sanitario, xunto cos medios técnicos e materiais, pois todos estes valores forxan unha traxectoria tan vital para a saúde da Sociedade”, indicou José Ramón Gómez Fernández.
Así mesmo, o xerente felicitou aos xa Especialistas que terminaron a súa residencia nos centros sanitarios de Pontevedra e O Salnés, invitándolles a continuar formándose e actualizando coñecementos para acadar unha maior calidade na actividade asistencial, mantendo a prioridade do benestar da poboación á que se deben.
En representación dos Residentes que terminaron o seu período formativo interviron os facultativos Irene Vázquez García e David Garrido Victorino, así coma os presidentes da Comisión de Docencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, os doutores Alvaro Rodríguez Pomares e Ismael Aran González.
64 titores impartindo docencia na Área Sanitaria
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta cun total de 64 titores -24 deles imparten docencia no eido da Atención Primaria, 29 forman en Atención Hospitalaria e 11 titores aportan docencia e formación no eido da Enfermaría-
Cóntase con acreditación docente para formar matronas, enfermaría de Familia, enfermaría de Pediatría, enfermaría de Saúde Mental, especialistas en Medicina Familiar e imparte docencia en 23 especialidades hospitalarias: Análises Clínicas, Anestesioloxía e Reanimación, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Dermatoloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía e Nutrición, Farmacia hospitalaria, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina interna, Microbioloxía e Parasitoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría, Psicoloxía clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Rehabilitación, Reumatoloxía, Traumatoloxía e Uroloxía.
Cinco prazas de profesorado asociado da USC para a Área Sanitaria
Así mesmo, cómpre sinalar que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai contar cun total de cinco prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago de Compostela -USC- nas especialidades de Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Dermatoloxía, Medicina Interna e Psiquiatría.
Despois dunha ampla colaboración entre a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a Universidade de Santiago de Compostela no eido da formación de alumnado de Medicina, o Vicerreitorado de Profesorado do campus da Universidade Compostelá notificou que mañá, martes 25 de maio de 2021, sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a convocatoria deste profesorado asociado de Ciencias da Saúde.



