HomePontevedraA Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés incorpora un bisturí de...

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés incorpora un bisturí de altas prestacións ao servizo de dermatoloxía na Casa do Mar de Mollaboa

- Anuncio -spot_img

― Nesta nova aparataxe a Administración Sanitaria Pública galega investiu 68.970 euros e se empraza no centro de especialidades pontevedrés


― A incorporación en Dermatoloxía deste Láser de CO2, superpulsado e dixital, excitado por radiofrecuencia, permite realizar coa máxima precisión e mínimos efectos adversos cortes e vaporizacións de tecido con coagulación, ademais de tratamentos fraccionados de múltiples patoloxías


― Equipo versátil, lixeiro e de cómodas dimensións, lle reporta capacidade para utilizarse en calquera espazo cirúrxico


― Suporá para os pacientes unha minimización dos riscos e dos efectos secundarios postcirúrxicos, menores tempos de recuperación, cuns excelentes resultados estéticos e funcionais, evitando a derivación a outros centros

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de incorporar un bisturí de altas prestacións -unha plataforma Láser CO2 cirúrxica- para o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, aparataxe no que a Administración Sanitaria Pública galega investiu 68.970 euros e que se empraza no centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao.
A incorporación ao servizo de Dermatoloxía do Complexo pontevedrés deste Láser de CO2, superpulsado e dixital, excitado por radiofrecuencia, permite realizar coa máxima precisión e mínimos efectos adversos cortes e vaporizacións de tecido con coagulación, ademais de tratamentos fraccionados de múltiples patoloxías. Esta tecnoloxía substitúe parcialmente á electrocirurxía convencional con bisturí eléctrico.

Equipo versátil con vantaxes para os pacientes
Trátase dun equipo versátil, lixeiro e de cómodas dimensións, o que lle reporta capacidade para utilizarse en calquera espazo cirúrxico. As vantaxes da implantación deste equipamento no centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao suporán para os pacientes unha minimización dos riscos e dos efectos secundarios postcirúrxicos, menores tempos de recuperación, cuns excelentes resultados estéticos e funcionais, evitando a derivación a outros centros que dispoñen da técnica, o cal é relevante xa que en moitas ocasións os tratamentos realízanse en días sucesivos.
Segundo sinala a xefe de servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a doutora Ángeles Flórez Menéndez, “o láser dermatolóxico é desde hai anos unha arma moi efectiva fronte a múltiples enfermidades cutáneas. Sen dúbida, destaca na cirurxía dermatolóxica para tratamento de pre-cancros e cancros cutáneos. Trátase dunha fonte de luz onde a enerxía radiante proxéctase en forma de fotóns e ondas capaces de producir efectos biolóxicos especiais”.

Vantaxes para a organización sanitaria
Así mesmo, para a propia organización sanitaria, o bisturí de altas prestacións é unha ferramenta con gran potencial cirúrxico, que permite realizar biopsias tanxenciais, acurtando e simplificando os tempos cirúrxicos. O novo bisturí laser permite extirpacións provocando unha reacción mínima no tecido circundante, o que diminúe a morbilidade da intervención e simplifica o postoperatorio.
Neste senso, a doutora Ángeles Flórez sinala que “esta plataforma Láser CO2 abrangue cirurxías do beizo e a cirurxía do aparello ungueal -patoloxías coma a queilite actínica, o carcinoma espinocelular, a onicocriptose, etc- que son prevalentes na nosa poboación de referencia”.
Esta ferramenta resulta, así mesmo, especialmente útil na abordaxe cirúrxica de tumores grandes moi vascularizados, xa que pode ser utilizado a modo de bisturí debido a que é capaz de coagular os vasos á vez que corta sen provocar efecto térmico nos tecidos sans circundantes. Na actualidade ampliouse o seu campo de actuación cirúrxica, dando o salto á patoloxía inflamatoria -como é o caso da hidrosadenite supurativa-. Ten, así mesmo, a capacidade de vehiculizar fármacos de forma transepidérmica mediante o modo de ablación fraccionada.

Mellora nos indicadores do Complexo Hospitalario
Ángeles Flórez Menéndez engade que “a incorporación deste bisturí Láser de CO2 tamén incidirá nunha mellora nos indicadores asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, dado que facilitará mellorar os tempos medios de espera cirúrxica, potenciando así mesmo a súa utilidade para a investigación, docencia e formación, xa que é necesario nun servizo coma o noso, acreditado para a docencia en Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, que facilitará aos residentes da especialidade as súas rotacións internas nestas dependencias para formarse nesta técnica”.

En 2018 realizáronse no Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra 489 electrocirurxías convencionais e nos meses de xaneiro a novembro de 2019 realizáronse 437 electrocirurxías máis.

Estas cifras permiten dimensionar de xeito parcial o uso que se lle vai comezar a dar ao Láser de CO2 instalado no centro de especialidades da Casa do Mar en Mollabao, xa que non inclúen o uso da ferramenta nas intervencións cirúrxicas propiamente ditas, na patoloxía inflamatoria nin na administración transepidérmica de medicamentos.

Publicacións Relacionadas