HomePontevedraA asociación Amizade está a desenvolver un proxecto para a atención integral...

A asociación Amizade está a desenvolver un proxecto para a atención integral das persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra 

- Anuncio -spot_img
  • A asociación Amizade está a desenvolver un proxecto para acadar unha mellora na autonomía persoal das persoas con discapacidade a través de diferentes actividades e servizos.
  • Este proxecto está beneficiando a 134 persoas con discapacidade da Comarca de Pontevedra durante o presente ano
  • Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) financiado pola Fundación ONCE

Amizade continua co “programa de atención integral a persoas con discapacidade” co que 134 persoas na comarca de Pontevedra están recibindo actividades e servizos que precisan para que a súa autonomía persoal e social non se vexa aminorada por falta de apoios.

Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), se pretende fomentar que as persoas con discapacidade alcancen un nivel de vida o máis autónomo e independente posible.

A asociación desenvolve un proxecto integral orientado a fomentar a participación activa das persoas con discapacidade na súa contorna social, a través de actividades deportivas, de lecer e de convivencia comunitaria. Estas accións buscan fortalecer a autonomía persoal, mellorar a saúde física e emocional, e favorecer a inclusión plena na comunidade.

Ademais, o programa inclúe campañas de sensibilización social e servizos de información e asesoramento sobre os recursos existentes no ámbito da discapacidade. Deste xeito, preténdese concienciar tanto á sociedade como aos representantes políticos sobre a importancia da inclusión.

A continuidade destes servizos e actividades, son especialmente importantes para aquelas persoas que, por motivos económicos ou de accesibilidade, non poden acceder a eles de forma ordinaria. A iniciativa busca previr situacións de dependencia, reforzar a autonomía e ofrecer oportunidades reais de participación, contribuíndo a construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e comprometida coa igualdade de oportunidades.

“Queremos que ningunha persoa vexa limitada a súa vida por falta de apoios. A autonomía non é un privilexio, é un dereito”, afirma Paulo Fontán Torreiro, presidente de Amizade.

Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para a financiación dos proxectos prioritarios das suas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguemento pormenorizado durante todo o proceso.

A asociación Amizade é unha Organización non Gubernamental que nace no ano 1988 coa misión de conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

Amizade forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

Publicacións Relacionadas