Os actos inicían o venres 28 febreiro cunha exposición de tres meses no Marco de Vigo e concluirán o 30 de novembro coa carreira Érguete e Corre
A Asociación Érguete cumpre este ano 40 anos de loita e traballo por mellorar a vida das persoas con adiccións. O soño daquelas nais que se érgueron para protexer aos seus fillos é unha realidade cada vez máis grande e máis viva. Elas cambiaron o mundo. Érgueron a unha sociedade contra os narcotraficantes e cambiaron a atención ás persoas con adicción. A nosa sociedade sería peor sen elas e ese legado das nais é o punto central do programa para a conmemoración do 40 aniversario da Asociación Érguete que a entidade compartiu hoxe.
O vindeiro 28 de febreiro ás 19.00 horas a Asociación estreará no Museo O Marco de Vigo a súa exposición “Érguete: A pegada das nais, un berro que cambiou a sociedade”, que conta coa memoria material e inmaterial das nais de Érguete, obras de dez artistas de distintas disciplinas que traballaron ao redor da estigmatización da muller e dos corpos enfermos e tamén unha mostra artística das persoas que viven nas vivendas de acollida da asociación.
A mañá do 7 de marzo o programa continúa no Marco de Vigo cunha xornadas sobre a dobre discriminación que sufren as mulleres en risco de exclusión na que a Asociación Érguete invitará a varias entidades sociais de Social Calvario, o 8 de abril, tamén pola mañá, a artista Alejandra Pombo presentará unha performance sobre o berro inspirada nas nais no museo e a exposición rematará en xuño cun pequeno acto.
O 26 de xuño, Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, a Asociación Érguete invitará a toda a veciñanza de Vigo a acudir a súa sede en Martínez Garrido 21 para pintar un mural colaborativo cun deseño baseado nas nais de Érguete. Ademais, o xoves 9 de outubro a asociación tamén organiza no Teatro Afundación unha gran gala para agradecer ao grande a estas nais a súa loita.
Os actos rematarán o 30 de novembro cunha nova edición da carreira Érguete e Corre que forma parte do Circuíto Run Run de Vigo e que este ano tamén fará unha homenaxe especial as nais. Ademais, dende a asociación confirman que durante todo o ano haberá varias sorpresas máis.
“Levamos moito tempo traballando para organizar todo isto. Foi un esforzo moi grande e unha chea de horas extra, pero ben o merecen. Queremos que toda a sociedade sexa consciente dunha loita e un camiño que comezaron unhas nais e que nós temos que seguir. A ameaza do tráfico de substancias e o narcotráfico continúa e a prevención é o máis importante”, indica a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas. “Queremos que imaxinedes “o difícil que foi o que fixeron. Unhas nais, moitas sen formación, amas de casa, mariscadoras, conserveiras, que se deixaban a pel traballando pola súa familia, sacaron enerxía para salvar aos seus fillos e fillas dunha epidemia que descoñecían”.
A Asociación Érguete continúa hoxe 40 anos despois atendendo ao seu traballo e atendendo ao redor de 8.000 persoas cada ano.

