• Anímase ás persoas que asistan á cita, que será o domingo 11 de decembro ás 18.00 horas na sede da Comunidade de Montes de Combarro, que achegen un quilo de produtos non perecedoiros, que serán repartidos entre as familias máis necesitadas por parte do persoal de Servizos Sociais
• A velada contará coa actuación de numerosos artistas e grupos e incluirá sorteos de agasallos, como un cuadro doado por Faustino Ucha ou unha bufanda do Pontevedra Club de Fútbol, asinada por todos os integrantes do primeiro equipo
‘Nadal, con parte de ti’ é o nome da iniciativa solidaria organizada pola Asociación Virxe da Renda, presidida polo compositor de Combarro Miguel Martínez, co obxectivo de recadar alimentos para as familias con menos recursos económicos do municipio. Todo o que se reúna durante a celebración do evento, que será o domingo 11 de decembro, ás 18.00 horas, na sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros, será repartido entre estas familias por parte do persoal de Servizos Sociais do Concello.
A música será a gran protagonista neste encontro, que contará coa actuación dun gran número de artistas e grupos. Así, haberá interpretacións a cargo de Julio Bautista, Lucy Cardero e Santiago Dozo. Ademais, tamén está confirmada a asistencia do grupo de pandeireteiras Arnadiña, a Escola de Acordeóns de Campelo, os Marmurios de Leucoíña, a Coral Virxe da Renda e o Coro da 3ª Idade da Casa Rosada. A entrada será de balde. A única petición que se realiza é que cada persoa asistente realice unha doazón dun quilo de alimentos non perecedoiros. A concelleira de Servizos Sociais, a socialista Rosa Fernández, felicita a Miguel Martínez e á asociación por realizar esta iniciativa solidaria e agradece a súa implicación e esforzo. “Temos a fortuna de contar con Miguel na Casa Rosada e de saber que sempre está disposto a botar unha man ás persoas e familias que máis o precisan”, indica a concelleira, que fai un chamamento á veciñanza para que asista ao festival.
Ademais, tanto a organización como Rosa Fernández lembran que durante a sesión procederase ao sorteo de diferentes agasallos. Un deles será o cadro solidario que foi doado polo veciño de Poio Faustino Ucha, unha entrega en chave solidaria que xa é toda unha tradición para o Concello. Tamén se sorteará unha bufanda do Pontevedra Club de Fútbol, que conta coas sinaturas de todos os integrantes do primeiro equipo. Os agradecementos tamén se fan extensivos á Comunidade de Montes Rega dos Agros por ceder as súas instalacións para acoller o evento, así como ao Pontevedra Club de Fútbole a Supermercados Froiz.
Ademais da entrega ‘in situ’ de alimentos no local o día da cita, Miguel Martínez aclara que existe a opción de dar aviso chamando ao 986872401 para recoller doazóns de produtos a domicilio, para aquelas persoas que non poidan asistir o domingo ou non teñan opción de desprazarse ata Combarro.



