O Concello de Ponteareas presenta as novidades para o ano 2026 da aula CEMIT ao tempo que lanza os cursos dirixidos a todos os grupos de idade, innovadores e variados. O goberno aposta pola formación para mellorar o curriculum das persoas, por espertar o interese nas novas tecnoloxías e sacarlle o máximo partido para a mellora do noso día a día.
Co obxectivo de ofrecer novos servizos á cidadanía o Concello permitirá o uso libre da aula CEMIT podendo a cidadanía achegarse para utilizar os ordenadores contando co asesoramento da docente da aula.
Para este 2026 o goberno de Ponteareas aposta por achegar os recursos a todos os grupos de idade e por incluir os recursos dixitais no día a día das persoas. Nesta liña ofrece cursos como o de Estimulación Cognitiva para maiores de 55 anos, o de iniciación ao correo electrónico, iniciación informática, telegram, whatsapp, Google Business e robótica para nenas e nenos de 7 a 14 anos de idade.
Formación sen saír do teu concello
O concello adianta que a aula CEMIT de Ponteareas será sede dos exames para obter a certificación galega en competencias dixitais promovida pola Xunta de Galicia e que certifica o nivel que ten unha persoa para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social e profesional. Unha certificación que serve para demostrarlle a calquera institución, empresario ou persoa o nivel de aptitude no uso das tecnoloxías dixitais coa dobre finalidade de motivar á cidadanía na aprendizaxe e manexo das TIC mediante a obtención dun certificado que acredite os seus coñecementos e mellore a súa empregabilidade; facilitarlles ás entidades públicas e privadas provedoras de emprego (empresas, administracións públicas, etc.) dun mecanismo para poder avaliar obxectivamente as competencias dixitais das persoas que se incorporen ás súas organizacións.
A aula CEMIT de Ponteareas está no Centro de Emprendemento da Praza maior e para inscribirse nos cursos gratuítos as persoas interesadas deberán rexistrarse en https//cemit.xunta.gal



