A Biblioteca María Magdalena súmase á programación municipal do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha proposta cultural e divulgativa que combina teatro, lectura e reflexión colectiva. Este ano, a campaña municipal leva como lema “Abre os ollos ás violencias invisibles”, convidando a recoñecer aquelas desigualdades e agresións que, a pesar de seren cotiás, continúan normalizadas na sociedade.
Como parte desta programación, o luns 24 de novembro ás 19:00h a biblioteca acollerá o monólogo “Ler o prospecto antes de… 25N”, interpretado polo humorista Damián Alonso, unha peza que emprega a palabra e o humor como ferramentas para sensibilizar e mover conciencias. A actividade é de acceso libre ata completar aforo e busca crear un espazo seguro de reflexión comunitaria.
Ademais, entre o 24 e o 28 de novembro, o público poderá visitar a exposición bibliográfica “Rompendo silencios: Exposición Bibliográfica sobre a Violencia de Xénero”, unha mostra que reúne obras literarias, divulgativas e de investigación destinadas a afondar na comprensión das distintas formas de violencia machista e promover a lectura como vía para a igualdade.
Programación municipal do 25N
O acto forma parte da programación que o Concello de Mos está a desenvolver ao longo da semana con motivo do 25N:
• Venres 21 de novembro
Celebración da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, órgano de coordinación interinstitucional centrado na mellora da atención ás vítimas e na prevención.
• Luns 24 de novembro
Durante a mañá realizarase unha actividade de sensibilización co alumnado do IES de Mos e coa poboación xeral, baseada na elaboración dun mural sobre as violencias invisibles 10:30–12:30 h).
Ás 12:00 h celebrarase o acto central no Pazo de Mos, que incluirá a lectura do Manifesto, unha homenaxe ás vítimas, un minuto de silencio e a intervención da alcaldesa, Nidia Arévalo.
Pola tarde, ás 19:00 h, terá lugar o monólogo de Damián Alonso na Biblioteca María Magdalena.
• Xoves 27 de novembro
Desenvolverase unha xornada de formación específica para o persoal municipal, orientada a reforzar os protocolos de actuación e atención ás vítimas.
• Sábado 29 de novembro
Representación da obra “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro, ás 20:00 h no Centro Dotacional de Torroso, unha montaxe que afonda na violencia machista desde unha perspectiva crítica e humana.
Compromiso do Concello
O Concello de Mos reafirma, unha vez máis, o seu compromiso coa igualdade, coa prevención das violencias machistas e co acompañamento ás vítimas. Baixo o lema “Abre os ollos ás violencias invisibles”, a programación do 25N busca crear conciencia, promover a participación cidadá e seguir avanzando cara a unha sociedade libre de violencias contra as mulleres.



