A Biblioteca Municipal de Tui prestou ao longo do ano 2024 18.279 libros, o que supón un incremento do 25% con respecto 14.536 que as persoas usuarias levaron en empréstito no ano 2023.
Tamén ao longo dos últimos 12 meses se incrementou nun 12%, con respecto a 2023, o número de usuarios activos que chegou as 1.193 persoas que levaron estes máis de dezaoito mil libros en préstamo. A meirande parte das persoas usuarias activas, 743, son maiores de 14 anos, e 450 son usuarios infantís. Dos 18.279 libros emprestados, un total de 9.898 corresponden a libros retirados por usuarios infantís e 8.381 por usuarios xuvenís e adultos.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, salienta qeu este incremento de préstamos e usuarios activos da Biblioteca Municipal tudense “consolida a este servizo de acceso á cultura e á información como unha referencia na vida social e cultural tudense”. Engade a concelleira que de media son 61 libros prestados diariamente na Biblioteca Municipal dun fondo que acada os 33.326 exemplares (tanto en formato papel como audiovisual). Isto supón un total de 1,9 exemplares por habitante, un dato que está moi próximo ás recomendacións da IFLA para localidades coa cifras de poboación coma a de Tui que determinan 2 volumes/habitante.
O Concello de Tui realiza un importante esforzo económico no mantemento deste servizo de biblioteca, sinala a concelleira Vicente Solla, que supera os cento vinte mil euros (que abrangue os gastos correntes, de mantemento e persoal) para garantir o dereito constitucional á cultura e ofrecer un servizo de calidade. De cara a este novo ano Sonsoles Vicente sinala que o reto pasa pola ampliación e mellora das instalacións bibliotecarias para dar resposta a demanda cidadá.
A Biblioteca Municipal tudense conta na actualidade con 33.326 volumes na súa colección. No ano 2024 a colección foi incrementada con 1.009 novos exemplares: 701 libros, 308 películas e 80 comics. Destes exemplares 492 foron adquiridos con fondos propios e fondos procedentes das axudas da Xunta de Galicia, e 517 exemplares proceden de doazóns especialmente os fondos audiovisuais que corresponden á catalogación da Biblioteca de cinema “Daniel Domínguez”.
Paralelamente a Biblioteca desenvolve un proceso de expurgo de obras deterioradas ou obsoletas, que no pasado ano acadou a retirada de 880 exemplares.
Na actualidade a Biblioteca Municipal tudense conta 4.586 usuarios (arredor do 25% dos habitantes do municipio) ; ao longo do pasado ano incorporáronse a este servizo 390 novos usuarios, deles 146 infantís e 242 adultos.
O acceso á Biblioteca é libre e gratuíto para calquera persoa, unicamente cómpre ser “socio” ou “usuario” de calquera biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia para acceder ao servizo de préstamo a domicilio ou ao servizo de “Galicia le”, a plataforma de préstamos de libros electrónicos da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Día dos Usuarios das Bibliotecas
Mañá sábado, 11 de xaneiro, celébrase o “Día dos usuarios das bibliotecas”, unha xornada de recoñecemento aos principais protagonistas da actividade bibliotecaria, pois as persoas usuarias son parte imprescindible deste servizo público que ten como principal misión favorecer o acceso á lectura e á información da cidadanía.
Por iso ás 11.30 h terá lugar a entrega dos diplomas de lectores de honra do ano 2024 ás persoas, en adultos e infantil, que máis préstamos teñen retirado da Biblioteca ao longo do pasado ano, destacando un usuario infantil con 287 préstamos e un adulto con 110 libros retirados ao longo do ano 2024.