HomeVigoBaionaA camelia, historia, segredos e curiosidades

A camelia, historia, segredos e curiosidades

- Anuncio -spot_img

A exposición “A CAMELIA, FLOR DÁS GALEGAS E GALEGOS” estará na Rúa Carabela A Pinta de Baiona desde o 18 ata o 27 de marzo e en 15 tótems recóllense os segredos e as curiosidades da nosa flor.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, xunto co Deputado Provincial, Javier Tourís, a presidenta da Sociedade Española da Camelia e os Amigos do Camiño Portugués, percorrerán a exposición explicando a toda a cidadanía que se achegue o contido dos carteis que forman a exposición nos que recollemos a súa historia, os coidados, os produtos derivados, a influencia na moda, nas artes ou na gastronomía e, como non, no turismo.

As camelias forman parte de nosa paisaxe desde hai máis de 200 anos. Estamos tan afeitos velas crecer e florecer preto de nós en xardíns, rúas, parques… que podemos chegar a pensar que sempre estiveron aquí, pero non, viñeron de Oriente, de onde son oriúndas e atoparon en Galicia unhas condicións idóneas para crecer converténdose en verdadeiras árbores.

A partir da metade do século XX, a camelia fíxose tan abundante, e tal foi a súa adaptación á nosa terra, que conquistou a condición de flor das Rías Baixas. Un dos eventos que máis influíu na difusión e popularización do seu cultivo foi o Concurso Internacional da Camelia, cuxa primeira edición tivo lugar nos salóns da Deputación de Pontevedra en 1965, e desde entón celébrase alternando as cidades de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

En 2003 un grupo de afeccionadas e afeccionados crea a Sociedade Española da Camelia, unha organización sen ánimo de lucro co obxectivo de divulgar e promover a flor e a árbore da camelia a través de calquera acto ou medio de promoción. Pouco máis tarde, a camelia é recoñecida oficialmente como Flor de Galicia.

Como resultado da colaboración da Deputación de Pontevedra (Estación Fitopatolóxica Areeiro), a Axencia de Turismo de Galicia e a Sociedade Española da Camelia, créase en 2020 o Roteiro da Camelia, unha experiencia turística única en Europa que está en continua ampliación. Algúns dos xardíns do Roteiro tamén teñen o galardón de Xardín de Excelencia Internacional e están incluídos no Itinerario Europeo de Xardíns Históricos do Consello de Europa.

De todo isto e máis falamos nesta exposición, na que se puxo todo o noso agarimo e esforzo e que naceu co obxectivo de dar a coñecer á cidadanía todos os segredos e curiosidades desta nosa flor.

Publicacións Relacionadas