HomeVigoMosA Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación da 52ª edición...

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación da 52ª edición da Festa da Rosa de Mos.

- Anuncio -spot_img


A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación da 52ª edición da Festa da Rosa de Mos, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia desde 2014, que cada ano medra en relevancia e repercusión. No acto interveu a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada de representantes de diversas asociacións e autoridades.

No acto participaron Sara Cebreiro, concelleira de Cultura de Mos; Noelia Sías, membro do xurado do concurso de rosas e semifinalista do Concurso Nacional de Arte Floral; Carolina Estévez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Mos, organizadoras da XXVI Exaltación da Empanada de Millo; e Montserrat Troitiño, presidenta das Palilleiras de Mos.

Tamén interviñeron dous dos valedores da Rosa desta edición: Ana Pastor, expresidenta do Congreso dos Deputados, e Javier Guillén, director de La Vuelta Ciclista España; así como Luis Ramos, director da Casa de Galicia en Madrid. Entre o numeroso número de asistentes a esta presentación atopábase tamén Fernando Rey, presidente do Centro Gallego de Madrid.

Durante o acto puxéronse en valor as raíces históricas e culturais da rosa como símbolo do Concello de Mos, presente no seu escudo dende finais do século XVI. Deste xeito a rosa é hoxe o emblema oficial desta celebración que enche de cor, tradición e orgullo a veciñanza mosense.

Mos volve ser este ano final de etapa de La Vuelta, o próximo 9 de setembro no Castro de Herville, e continúa sendo punto destacado no Camiño de Santiago. “Queremos que a Festa da Rosa cruce fronteiras, que cada vez máis xente coñeza Mos e que veña celebralo connosco”, afirmou Arévalo.

Nidia Arévalo, subliñou, deste xeito, o papel da Festa da Rosa como ferramenta de proxección exterior do concello: “A xente dun pobo sente orgullo cando pasa a La Vuelta polo seu concello. E iso é o que merece Mos: que a súa xente se sinta orgullosa deste municipio loitador, honrado e forte”.

Un dos momentos máis especiais do acto foi a presentación dos Valedores e Valedoriña da Rosa 2025, que asumen un decálogo de compromisos co municipio e coa súa cultura. Xunto a Ana Pastor, Javier Guillén, este ano tamén reciben esta distinción a Asociación Galega de Residentes de Mos en Bos Aires, o Conselleiro Román Rodríguez, o expresidente do RC Celta Manuel Carlos Mouriño e o cineasta Daniel Sánchez Arévalo. Ademais, por vez primeira noméase unha Valedora da Rosiña, honra que este ano recae na deportista Martina Sande.

Estes recoñecementos pretenden agradecer a persoas e entidades que, desde diversos eidos —cultural, artístico, deportivo ou solidario— levan o nome de Mos máis alá das súas fronteiras.

No tocante á programación, a a 52ª Festa da Rosa contará cun amplo programa de actividades durante todo o mes de xuño. Entre os principais atractivos destacan o pregón a cargo do humorista Roberto Vilar, o nomeamento dos valedores e a ofrenda floral aos marqueses, a exaltación da empanada de pan de millo, o concurso de rosas, o concerto gratuíto de Juan Magán, os eventos deportivos e culturais, o desfile de palilleiras e, entre outros, a festa BaresMOS.

Durante o acto tamén se anunciaron importantes novidades desta edición, como a aposta polo viño rosado como un emblema da Festa da Rosa e converterse, dende a próxima edición, nun grande escaparate deste caldo.

A alcaldesa quixo agradecer o apoio da Xunta, da Deputación, das asociacións culturais, sociais e deportivas, e sobre todo da veciñanza para que esta festa creza cada ano en importancia: “Grazas a todas e todos por vivir esta festa como unha expresión do noso orgullo por Mos. Mos agarda por vós cos brazos abertos. Vinde a vivir a Festa da Rosa, a gozar da nosa música, gastronomía e patrimonio”.

Publicacións Relacionadas