O Rosal inaugura este espazo polivalente e sostible o sábado 1 de febreiro ás 18.00 horas coa exposición ‘Memorias de Fornelos’, chocolatada e música de Airiños do Folón
A Casa-Escola de Fornelos renace como espazo para a veciñanza. Tras anos destinada a almacenaxe, este inmoble construído en 1955 reabre as súas portas como un lugar de encontro e de actividade social e para dar servizo a rosaleiros e rosaleiras. O Concello inaugurará a rehabilitada casa-escola o vindeiro sábado 1 de febreiro ás 18.00 h nun acto aberto a toda a veciñanza no que se poderá desfrutar da exposición ‘Memorias de Fornelos’, cunha recompilación de fotografías antigas de Fornelos; dunha chocolatada de balde e da actuación do grupo tradicional Airiños do Folón.
“A recuperación deste espazo é moito máis que unha rehabilitación física. É un compromiso coas persoas, coa nosa historia e co patrimonio que nos define”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora subliñou o traballo do Concello para que este espazo “volva ser un lugar vivo, amable, pensado para unir á veciñanza e para que as diferentes asociacións poidan desenvolver as súas actividades nun espazo cómodo e sostible”.
O proxecto de reforma, que supuxo un investimento de máis de 107.000 euros, transformou os 120 metros cadrados da planta baixa nun espazo moderno e eficiente enerxeticamente con sala de convivencia, sala de reunións, aseo adaptado e un pequeno office. O proceso de rehabilitación fíxose atendendo ás necesidades recollidas nun proceso participativo posto en marcha polo Concello en 2023, no que tanto a veciñanza como asociacións contribuíron con ideas para dar forma ao proxecto final.