A Casa Museo de Colón, situada en Portosanto (San Salvador) conta desde hai uns días cunha nova achega que supón un pulo máis á hora de defender e destacar a teoría das orixes galegas do histórico navegante. Trátase de información vencellada á ‘Fayodia Gallaecioloniana’, unha especie de seta que foi achada por primeira vez a finais de 2015 en Lourizán (Pontevedra) polo micólogo e escritor Jaime Bernardo Blanco Dios, que decidiu bautizar este novo exemplar cun nome que servise coma homenaxe a Cristóbal Colón.
A tenente de alcalde e edil de Turismo e de Participación Veciñal e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio), e o presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, recibiron hai uns días unha doazón por parte de Blanco Dios de dous libros sobre micoloxía, nun dos cales aparece un apartado específico sobre esta nova especie que xa figurará para sempre vencellada á teoría do Colón Galego. Trátanse de obras escritas conxuntamente polo propio Blanco Dios e por Amancio Castro. Á súa vez, Díaz e Martín fixéronlles entrega duns obsequios aos escritores e micólogos.
Tanto a edil do Goberno local como o presidente da Asociación Galicia Histórica expresaron o seu agradecemento tanto pola doazón do exemplar como polo feito de “promocionar e visibilizar a teoría do Colón Galego no mundo da micoloxía, que conta cun gran número de seguidores e seguidoras no país”.



