HomePontevedraPoioA Casa Rosada retoma o seu tradicional Magosto despois de dous anos...

A Casa Rosada retoma o seu tradicional Magosto despois de dous anos de ausencia pola situación sanitaria

- Anuncio -spot_img

• A concelleira responsable da área, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), informa de que se porá a disposición dos asistentes máis de 60 quilos de castañas para a súa degustación gratuíta

• A cita será o venres 11 de novembro pola tarde e contará desde as 17.30 horas cun concerto a cargo de Miguel Martínez

Logo de dous de ausencia, a Casa Rosada recuperará este venres, día de San Martiño, unha das súas citas lúdicas máis emblemáticas do outono. Trátase do Magosto organizado pola Concellería de Benestar Social e Mocidade, cuxa última edición data de novembro de 2019. “En 2020 e 2021 a situación sanitaria privounos de poder celebrar esta cita, que supón un encontro entre o alumnado das actividades que realizamos desde a Casa Rosada e a veciñanza en xeral, polo que agora estamos moi felices de poder retomar esta pequena celebración”, apuntou a titular da área, a socialista Rosa Fernández.

O magosto será o venres 11 de novembro, día de San Martiño, e porá a disposición das persoas asistentes máis de 60 quilos de castañas. Fernández González agradece a implicación tanto do persoal de Servizos Sociais como dos alumnos e alumnas do Taller de Memoria, que esta semana se reúnen para ir picando e preparando as castañas. A degustación está prevista para as 19.00 horas. Sen embargo, tal e como lembra a edil do Goberno local, xa desde as 17.30 horas agárdase un gran ambiente nas dependencias da Casa Rosada, cunha actuación musical a cargo do compositor de Combarro Miguel Martínez.

A concelleira de Benestar Social lembra que a entrada é libre e confía en que sexa unh éxito de participación. Este magosto será a antesala da II Festa da Castaña, organizada pola Concellería de Festexos, e que será o sábado, ás 20.30 horas, en San Martiño.

Posteriormente, o sábado 19 de novembro as inmediacións da igrexa parroquial de San Salvador acollerán o magosto organizado pola Asociación Cultural San Salvador. Nesa data tamén está proxectada a degustación de castañas no lugar de Vilariño e na explanada da Seca. Esta última estará organizada pola Asociación de Veciños Boureante.

As últimas citas terán lugar os días 26 e 27 de novembro, respectivamente, cos magostos ofrecidos pola Asociación Cultural e Veciñal Ronsel, no lugar de Sartal (San Xoán), e polo Ateneo Corredoira de Combarro.

Publicacións Relacionadas