En carrozas o primeiro premio foi para o Entroido de Picoña. Miles de persoas gozaron do desfile-concurso nas rúas novas da cidade
Miles de persoas gozaron esta tarde do Desfile-Concurso de Entroido en Tui ateigando as rúas novas da cidade por onde transcorreu o percorrido das doce comparsas que finalmente acudiron a esta cita festiva organizada polo Concello de Tui.
A comparsa “Relativerso” da Asociación Carvales de Mañufe foi a gañadora absoluta do desfile-concurso levando amais o segundo premio en carrozas e o premio de música. O case centenar de compoñentes da comparsa presentaron unha proposta inspirada na teoría da relatividade de Albert Einstein, unindo ciencia e arte nunha viaxe visual e conceptual, tomando coma referencia a paleta Pantone de “2001. Unha odisea no espazo” de Stanley Kubrick e cunha escenografía, inspirada nos espazos imposibles de Maurits Cornelis Escher e nos reloxos brandos de Salvador Dalí.
O segundo premio na categoría absoluta foi para a Asociación Cultural En Loureiro coma Sempre con “Entroido de Picoña” que reflectiu na súa creación as conquistas de Alejandro Magno, levando tamén o primeiro premio na categoría de carrozas.
A Asociación Os da Casa de Vigo con “The Visual Dome” foron os gañadores do terceiro premio na categoría absoluta e tamén do terceiro premio en carrozas. Presentaron unha proposta artística construída usando a IA, cos complementos e a carroza realizados polas persoas integrantes da comparsas de forma artesanal e en boa medida con material reciclado.
En Parodia a comparsa tudense Locos por la Bicis foi a gañadora con “Ave Tui-Valença” co ciclismo coma protagonista e mesmo cunha carroza impulsada por 13 ciclistas.
A comparsa “Pandilla Pirata” de Ponte Caldelas foi a gañadora en coreografía.
O desfile estivo protagonizado por propostas creativas cheas de orixinalidade e traballo artesanal. Outras das agrupacións participantes foron “Amigos do Carnaval” de Salceda cunha comparsa inspirada no mundo do café, “Os Tribu-hos” do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor de Nigrán, a Asociación Cultural de Pontellas do Porriño coa a súa comparsa “O día e a noite, a Asociación O Millor de Cada Casa de Gondomar propuxo un “Destino Entroido”. Mentres a comparsa “Nun lugar da mancha” de Soutomaior fixo unha homenaxe a Don Quijote de Cervantes e Asociación Centro Cultural e Veciñal de Valladares tamén de Vigo, presentou a comparsa “Valla School. Outras propostas foron a comparsa “Festeiros en festas” da Asociación Os Festeiros de Bembrive..
Tui despedirá o Entroido o próximo domingo cunha gran festa no Enterro do Bacallau que comezará ás 19.30 h na praza de San Fernando.
Gañadoras Absolutos
1. “Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar
2. “Entroido de Picoña” da Asociación Cultural En Loureiro Como Sempre de Salceda de Caselas
3. “The visual dome” da Asociación Os da Casa de Vigo
Gañadoras Carrozas
1. “Entroido de Picoña” da Asociación Cultural En Loureiro Como Sempre de Salceda de Caselas
2. “Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar
3. “The visual dome” da Asociación Os da Casa de Vigo
Gañadora Parodia
1. “Ave Tui-Valença” do Club Locos por la Bicis de Tui
Gañadora Coreografía
2. “Pandilla Pirata” da Asociación A Pandilla de Ponte Caldelas
Gañadora Música
1. Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar