• As bases poden consultarse na Sede Electrónica do Concello, tal e como
explica a responsable da área, Raquel Rodríguez (BNG), que recorda que a
través desta liña se subvencionaron máis dun centro de actuacións en preto
de 40 festexos e actividades culturais
• Esta liña de axudas estreouse neste mandato, co obxectivo de promover a
contratación de grupos de música e folclóricos locais para amenizar a
celebración de diferentes eventos
Poio, 9 de febreiro de 2023.- A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez,
vén de anunciar unha nova convocatoria do Plan Músico-Cultural do Concello de Poio.
Trátase dunha liña de axudas, cun orzamento que ascende a un total de 16.000 euros,
aberta por primeira vez durante o mandato vixente, co obxectivo de promover a
contratación de grupos de música popular e folclóricos do municipio para amenizar a
celebración de diferentes eventos. “Decidimos repetir esta proposta tendo en conta a
demanda e a boa resposta que tivo entre o tecido asociativo”, explica Rodríguez Alonso. A
boa acollida desta iniciativa queda demostrada nos datos correspondentes a 2022.
Acolléronse a este plan colectivos organizadores de preto de 40 festexos e actividades
culturais, co que se custearon máis de 100 actuacións ao longo de todo o ano pasado.
As bases do devandito plan xa se poden consultar na Sede Electrónica do Concello, logo
de que fosen aprobadas recentemente pola Xunta de Goberno Local. “Entendemos que
esta é unha ferramenta moi útil para dar visibilidade e poñer en valor o traballo ao sector
cultural”. A titular de Cultura recorda que a creación do Plan Músico Cultural xurdiu nun
contexto marcado pola situación da COVID-19. “Un dos sectores máis afectados pola
pandemia foi o cultural. Agora, con esa situación xa superada, apostamos por manter esta
liña de axudas para seguir promocionando e favorecendo este tipo de actuacións en
eventos lúdicos”, explica a edil do Goberno municipal, que lembra que este plan engádese
a outras liñas de axudas que desde o Concello de Poio se pon a disposición dos
colectivos do municipio.
“Este Plan Músico-Cultural é unha ferramenta útil e eficiente para reforzar o protagonismo
dos grupos locais nas programacións dos diferentes eventos lúdicos que se realizan no
concello ao longo do ano”, apunta a concelleira nacionalista, que tamén destaca que con
este plan busca tamén cubrir os obxectivos que forman parte da Axenda 2030, como é a
modernización das inscricións no propio catálogo virtual. Toda a información sobre o
mesmo, así como o proceso de tramitación, pode consultarse na páxina web do Concello
(www.concellopoio.gal).



