• Julia Prado Iglesias, Laura Currás Fernández, Rosa Rey Amoedo, Dolores Balboa Barreiro e Peregrina García Castro serán as protagonistas do acto principal do programa do Día Internacional da Muller, que se celebrará no Palacete de Besada o venres 10 de marzo
• A titular da área e tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), sinala que a programación tamén incluirá sesións de contacontos ilustrados nos colexios e a publicación dun libro no que se relatan as vivencias das cinco protagonistas da homenaxe, entre outras iniciativas.
A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), acompañada pola psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Lidia Fazanes, deu a coñecer este venres a programación que desde este departamento municipal se organiza para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O programa, baixo o lema ‘Visibles, empondeiradas, iguais’, inclúe actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes, entre as que non faltarán sesións de contacontos nos centros educativos ou o habitual acto institucional ás portas do Consistorio, o propio mércores 8 de marzo.
O acto central celebrarase o venres 10 de marzo, a partir das 20.00 horas, no Palacete de Besada. Será entón cando teña lugar a homenaxe pública a cinco mulleres, veciñas todas elas do municipio, “que son un exemplo de fortaleza, superación e de vida para todas e todos nós”, tal e como sinalou Díaz. Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador) serán as grandes protagonistas dunha cita que se recupera logo das dúas últimas edicións do 8-M, condicionadas pola situación sanitaria.
“É necesario dar visibilidade e coñecer a historia das mulleres que nos rodean e que son os nosos modelos máis inmediatos, valorar a importancia da contribución á sociedade das nosas nais e as nosas avoas. O seu papel foi durante moitos anos relegado a un segundo plano, e delas temos moito que aprender”, sinalou a titular de Igualdade. A proposta e elección das homenaxeadas foi realizada polas asociacións que forman parte do Consello Municipal da Muller.
Sobre as súas vidas trata, precisamente, o libro “Mulleres en Poio 2023”, que será presentado no devandito acto do día 10. O libro está realizado por Polo Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla. A súa publicación finánciase a través dunha subvención de 6.000 euros concedida a Igualdade pola Deputación de Pontevedra. As vidas de Julia, Dolores, Laura, Peregrina e Rosa serán tamén o eixe central dos contacontos que se levarán a cabo por parte dos propios integrantes de Polo Correo do Vento nos CEIPS do municipio.
A primeira sesión terá lugar o día 21 no CEIP Viñas para, a continuación, desenvolverse en Lourido e Isidora Riestra (xoves 23) e Chancelas e Espedregada (venres 24).
“Contamos nesta campaña cunha artesá de Poio, Alba López, de Buchiladas, que deseñará os agasallos das homenaxeadas”, agregou Díaz.
Son varios os factores que levaron ás asociacións que forman o Consello Municipal da Muller a elixir a estas veciñas para seren recoñecidas neste 2023. No caso de Julia Vallejo, durante moitos anos compaxinou os seus estudos na escola coas tarefas no fogar. Tamén traballou en sectores como a conserva ou o bateeiro. Pola súa banda, Laura Currás é coñecida por rexentar o Hogar del Puerto, un dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos de Combarro. Rosa Rey, de San Salvador, exerceu de mestra de primaria durante décadas, formando a varias xeracións de nenos e nenas. É coñecida tamén pola súa paixón polo teatro e colaborada habitual da Asociación Veciñal do Vao.
Dolores, ao igual que Julia, tamén conta cunha longa experiencia traballando nas conserveiras. Ademais, chegou a ter oito ferrados, catro de viña e catro de horta, ao tempo que coidaba galiñas, porcos e unha vaca na súa Samieira natal. Todo isto sen renunciar á música, unha das súas grandes paixóns, sendo unha das pandeireteiras máis coñecidas da vila. Por último, Peregrina García Castro segue a día de hoxe axudando aos seus veciños e veciñas no que sexa necesario, ao tempo que traballa na súa horta.
Durante moitos anos encargouse de levar leite ás casas e a vender centeo e follato na Praza da Leña de Pontevedra.
A través desta iniciativa, o Consello da Muller quere “dar visibilidade ao papel das mulleres no noso municipio, como xeito de empoderalas e de promover cambios de valores na sociedade e no ámbito educativo”, concluíu Silvia Díaz.



