• A tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), explica que esta iniciativa formativa contará cunha sesión teórica e outra práctica, incluíndo esta última unha visita de campo á propia illa
• O programa está organizado en colaboración coa Asociación Irmandade Illa de Tambo
A Concellería de Turismo, dirixida pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), porá en marcha esta semana as Xornadas ‘Os Recursos Turísticos de Tambo’. Trátase dunha iniciativa na que participa a Asociación Irmandade Illa de Tambo e que está dirixida a guías turísticas que teñan interese en coñecer os recursos, potencialidades e atractivos deste emblemático enclave da ría de Pontevedra.
Tal e como explica Díaz, serán un total de 15 as prazas ofertadas para profesionais deste sector. O programa desenvolverase ao longo do mércores 15 e o xoves 16 de xuño. A primeira sesión, que será de carácter teórico, desenvolverase de 17.00 a 20.30 horas no Centro de Formación da Reiboa, na Seca (San Xoán). Un día máis tarde, levarase a cabo unha visita de campo á Illa de Tambo, que incluirá un percorrido polo itinerario, cunha explicación sobre cada un dos numerosos puntos de interese que ofrece a illa. Membros da Asociación Irmandade Illa de Tambo serán os encargados de exercer de guías neste desprazamento, con saída ás 10.00 horas desde o peirao de Combarro e retorno ás 13.30 horas. Con respecto ás inscricións, estas poderán realizarse enviando un correo electrónico á dirección turismo@concellopoio.org, indicando o nome e apelidos da persoa interesada en anotarse, así como o seu municipio de residencia, teléfono de contacto e asociación ou empresa á que pertence.
Silvia Díaz confía en que esta iniciativa resulte moi proveitosa á hora de acrecentar o coñecemento sobre a illa a profesionais do sector turístico e axudarlles a familiarizarse “con todos os recursos e atractivos que ofrece a Illa de Tambo”, que, tal e como lembra a propia tenente de alcalde, “é un elemento que pode resultar decisivo á hora de diferenciar a Poio como destino turístico, grazas ao valor patrimonial, histórico, paisaxístico e medio ambiental que ofrece este emprazamento”. Díaz tamén salienta o compromiso da Concellería de Turismo á hora de impulsar actividades e proxectos que sirvan para facilitar aos e ás profesionais do sector a familiarizarse cos recursos da Illa de Tambo.
Cómpre lembrar que durante a primavera tamén se organizou unha visita guiada para os e as profesionais que ao longo dos últimos meses tomaron parte no programa Descubre Poio, impulsado tamén por este departamento municipal.