A conselleira de Política Social visita Mos para poñer en valor o Centro de Día de Torroso e o programa Vacacións en Paz de SOGAPS

adminON
Lectura mínima de 5

Fabiola García, acompañada da alcaldesa Nidia Arévalo, compartiu a mañá cos 40 usuarios de O Son do Regueiro e os 11 cativos saharauís que pasan o verán con familias de acollida mosenses

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá Mos acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, comezando polas instalacións do Centro de Día para maiores O Son do Regueiro en Torroso e seguindo pola cativada saharauí do Programa Vacacións en Paz de SOGAPS e as súas familias mosenses de acollida que se atopaban realizando unha actividade de convivencia promovida polo Concello de Mos no Pazo de Mos.

No Centro de Día de Torroso Fabiola García destacou o apoio da Xunta de Galicia ao mesmo, investindo nel máis de 700 mil euros. Este centro conta con 40 prazas e servizo de enfermería e ximnasio, entre outras prestacións.

A conselleira de Política Social e Igualdade, destacou o apoio do Goberno galego para a posta en marcha e o funcionamento destas instalacións. Unha actuación que se enmarca na aposta da Xunta por achegar servizos públicos de calidade a todas as vilas galegas e, en concreto, a aposta polo envellecemento activo e a atención aos maiores a través de espazos coma este, que lles permiten recibir os coidados que necesitan sen abandonar a súa contorna de toda a vida.

A conselleira lembrou que, no caso do Concello de Mos, a aposta do Goberno galego tamén se traduce no apoio á conciliación das familias, con 330 prazas en Escolas Infantís financiadas pola Xunta, e agora, durante o verán, co investimento de 135.000 euros para a celebración dun campamento con máis de 170 rapaces no marco do Plan Corresponsables. En canto a discapacidade, a Xunta financia 200 prazas en centros especializados e unha unidade de atención temperá con case 270 usuarios.

Por outra banda, durante o encontro en Mos con rapaces saharauís e familias que participan na iniciativa Vacacións en Paz, Fabiola García puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia ao devandito programa, xa que o Goberno galego inviste este ano 100.000 euros para colaborar no traslado de case 290 menores acollidos en máis de 240 fogares.

Galicia é a segunda comunidade que máis rapaces saharauís recibe no marco da colaboración con SOGAPS dende hai máis de 30 anos.

No encontro tamén estivo o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Mehdi, e a presidenta de SOGAPS-Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, recentemente condecorada coa Medalla Castelao.

Este verán son en Galicia 50 nenos e nenas saharauís máis que o ano anterior. Un dato que valorou positivamente a conselleira, ademais de poñer en valor o labor das familias que os acollen e o apoio que ofrece a Xunta de Galicia a esta iniciativa.

Durante o encontro, no parque infantil do Pazo de Mos, Fabiola García destacou, ademais, que Galicia é a segunda comunidade que acolle máis menores saharauís no verán, para afastalos das altas temperaturas que se rexistran nesta época na súa terra. A conselleira explicou que isto é posible grazas aos máis de 30 anos de estreita colaboración entre SOGAPS e o Goberno galego.

Por provincias, Pontevedra é a que máis rapaces saharauís recibe este ano: 125 menores distribuídos en 33 concellos e 93 familias. 11 deles, en Mos. Outros 107 rapaces pasan o verán en 41 concellos da provincia da Coruña, acollidos por 97 familias. En Ourense hai 32, repartidos en 15 concellos e 29 familias. En Lugo, 24, en 10 concellos e 23 familias.

A administración local mosense colabora co programa Vacacións en Paz mediante un convenio que se vén asinando anualmente por parte do Concello de Mos coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, SOGAPS, desde fai moitos anos.

Comparte este artigo