- O pleno debateu mocións sobre desbroces e arranxos de viais que non saíron adiante
- Fóra da orde do día, Daniel Chapela presentou unha para declarar ‘persoa non grata’ á Conselleira Ángeles Vázquez que finalmente se aprobou cunha emenda
A corporación municipal de Bueu aprobou este luns, 2 de marzo, unha declaración institucional polo Día Internacional das Mulleres, na que deixa clara a súa loita pola igualdade ao tempo e as reivindicacións pendentes. Así mesmo, a sesión tamén serviu para aprobar a modificación da composición da mesa permanente de contratación do pleno, e debateuse unha moción do PP para a reparación urxente e plan integral das estradas do Concello, e outra sobre os desbroces presentada por Daniel Chapela, edil no adscrito, aínda que estas non saíron adiante ao contar cos votos en contra dos grupos de goberno, BNG e PSOE. Fóra da orde do día, Chapela tamén presentou unha moción para declarar “persoa non grata” a Ángeles Vázquez Mejuto, Conselleira de Medio Ambiente, que se emendou por parte do goberno e que se aprobou cos votos favorables deste.
A moción sobre o 8 de marzo logrou a unanimidade, pois foi unha proposta asinada e consensuada por todos os grupos da corporación. Nela faise fincapé na necesidade de
“non ir un paso atrás na defensa da igualdade” e entre os acordos aprobados están manifestar o firme compromiso e apoio ás demandas do feminismo e a necesidade dunha sociedade feminista, máis xusta, solidaria e igualitaria; mostrar a preocupación ante o aumento da fenda de xénero por mor da destrución e das altas taxas de emprego temporal nas mulleres; reclamar das institucións competentes (Goberno de España e Xunta de Galicia) que se destinen máis recursos xudiciais, asistenciais, económicos e de protección para tentar erradicar as desigualdades entre homes e mulleres de forma real; ou denunciar os discursos políticos e sociais que insisten no recorte dos dereitos para as mulleres ou que neguen as violencias machistas.
A continuación foi a quenda da moción do PP para a reparación urxente e o plan integral de estradas do Concello, na que se solicitaba instar ás diversas administracións a acometer arranxos nos viais das súas competencias dado que “despois dos temporais se atopan en mal estado, impedindo a circulación de vehículos en moitos tramos”, segundo explicou Elena Estévez, voceira popular. Celso Dopazo, concelleiro de mantemento de viais, salientou que “parécenos unha moción oportunista, pois o Concello xa comezou a tomar medidas e a bachear a semana pasada e as demais administracións tamén estarán traballando niso”. Na mesma liña interveu Xosé Leal, edil de facenda e voceiro nacionalista, quen aclarou que “estes traballos fanse durante todo o ano e, de feito, xa nas semanas previas o persoal municipal percorreu todos os camiños para ver as incidencias de cara á súa reparación; e tamén se preparan proxectos para pavimentacións integrais de viais”. Pola súa banda, Daniel Chapela afeoulle ao PP que “parece que é unha moción que vai a rebufo das presentadas noutros concellos”. Finalmente non saíu adiante ao contar soamente cos votos favorables do PP e do edil non adscrito, mentres que o goberno se manifestou en contra.
A moción dos desbroces, presentada por Daniel Chapela, tampouco prosperou, pois só contou cos votos a favor del e do PP, e en contra do BNG e PSOE. Chapela demandaba un plan de desbroces porque “creo que é lóxico que pidamos unha cuestión tan básica como é contar antes cunha brigada de desbroces”. Na súa intervención tamén falou de falta de planificación do executivo, ao que Xosé Leal respondeu indicando que “os desbroces son o que máis se planifica e reforza ano tras ano” e que “nos últimos tempos se incorporaron medios como o tractor e outros contratos de empresas externas que actúan nas marxes das estradas e que se completan con outros humanos, pois contamos con persoal que se dedica todo o ano a esas tarefas, e que se amplía co traballo técnico de requirimento aos propietarios para a limpeza das faixas forestais”.
O pleno rematou coa moción presentada por urxencia por parte de Daniel Chapela para a declaración da Conselleira de Medio Ambiente como “persoa non grata” e a que “se absteña de visitar o concello de Bueu mentres non se convoque a Mesa por Ons e dea solución aos compromisos pendentes”. Félix Juncal, alcalde da vila, aclarou que “calquera acordo que se adopte nese sentido sería nulo de pleno dereito, pois hai unha sentenza de 2023 que di que non se pode declarar persoa non grata se non hai unha relación directa co concello” e “ademais xa no 2013 debateuse neste pleno unha moción para declarar como persoa non grata a Mariano Rajoy e votamos en contra dado que as cuestións ás que se aludía non tiñan que ver directamente con Bueu”. Chapela esgrimiu que “a Xunta non contestou no prazo fixado por ela mesma e volveu incumprir o acordo da moción de febreiro na que pediamos a convocatoria da Mesa por Ons, xerando un gran prexuízo á veciñanza de Ons”. Finalmente chegouse a un acordo intermedio a través dunha emenda proposta polo alcalde e que Chapela aceptou. Así, acordouse eliminar o primeiro punto e substituír o segundo manifestando que o pleno considera a falta e respecto cos veciños e veciñas de Ons e esixe a convocatoria urxente da Mesa por Ons. A proposta emendada saíu adiante cos votos a favor do BNG, PSOE e edil non adscrito mentres que o PP se mostrou en contra.



