HomePontevedraPoioA Corporación Municipal insta á Xunta de Galicia a que reforme a...

A Corporación Municipal insta á Xunta de Galicia a que reforme a PO-303 para “saldar o agravio comparativo que padece a veciñanza de Samieira

- Anuncio -spot_img

• Aprobada por unanimidade unha moción impulsada por Avante Poio e o PSdeG-PSOE para esixir á Consellería de Infraestruturas a que realice nesta estrada “os mesmos investimentos que se realizan noutras vías de titularidade autonómica na contorna”

A Corporación municipal aprobou no Pleno de novembro, por unanimidade, unha moción presentada polos grupos Avante Poio e PSdeG-PSOE, a través da que se insta á Xunta de Galicia a acometer a reforma integral da estrada PO303 ao seu paso pola parroquia de Samieira, reparando, deste xeito, o “agravio comparativo” que padece esta vía en comparación co tramo pertencente ao concello veciño de Meaño, onde si se efectuaron importantes actuacións de mellora nos últimos anos e que conta con beirrarúas, arcéns e espazos para peóns.

A tenente de alcalde e edil de Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante Poio), foi a encargada de defender a moción, lembrando as carencias que presenta a PO-303 en Samieira. “Estamos a falar dunha estrada que se atopa nun estado moi deficiente, na que en moitos tramos non hai beirarrúas, nin tan sequera arcéns, e que ten un nivel de perigosidade moi elevado. A Consellería de Infraestruturas ten unha débeda pendente coa veciñanza de Samieira co seu abandono dunha estrada da que é responsable, e entendemos que debe ser saldada”, apuntou Díaz. Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, salientou a importancia de que a Administración autonómica cumpra co solicitado na moción, na que se solicita que para esta estrada se fagan investimentos ao mesmo nivel que noutras vías de titularidade da Xunta na contorna. “A reforma integral é imprescindible para garantir a seguridade nesta estrada, que cada vez conta con máis transito, é unha zona de paso habitual para a veciñanza e ciclistas e que presenta graves deficiencias de visibilidade nos acesos desde camiños e vías secundarias”, advertiu.

Por último, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), resaltou tamén a necesidade de actuar polo feito de que “no núcleo de Samieira hai varias vivendas e comercios” e lembrou que esta é unha demanda que xa se realizou en varias ocasións. A última delas foi no ano 2020, cando se aprobou unha moción similar, que tamén contou co apoio de todos os grupos da Corporación poiense, para esixir á Consellería de Infraestruturas unha actuación que a día de hoxe aínda non se fixo realidade.

Publicacións Relacionadas