HomePontevedraA Corrida do Galo corou o Entroido victorioso ante a adversidade climática

A Corrida do Galo corou o Entroido victorioso ante a adversidade climática

- Anuncio -spot_img

Os xogos populares, concurso de disfraces, bailes e verbena puxeron o colofón a catro intensos días de festa e convivencia

A carpa de Riomaior converteuse ao longo do día no epicentro dun Entroido de Cobres que, tras catro intensas xornadas de celebración e convivencia, afrontou o seu colofón con tanta enerxía como determinación fronte ao mal tempo. A xornada final arrancou cunha sesión vermú na que o Dúo Los Dinámicos animou o ambiente no inicio dunha auténtica romería que trala comida nos postos da propia carpa  deu paso, ás 16.30 horas, aos tradicionais xogos populares: o galo no río, o galo na vara e outras probas nas que os participantes tiveron que demostrar equilibrio e valentía para evitar unha caída ao cauce do río Maior.

Esta primeira parte lúdica culminou coa esperada Corrida do Galo, protagonizada por un galo sintético que, como manda a tradición, acabou queimado ao final da tarde. As persoas gañadoras de cada categoría recibiron un premio.

A tarde estivo dinamizada por ISI, coñecido presentador da TVG, e Marci Varela que animaron ao público a participar nunhas actividades cunha tradición tan antiga como o propio Entroido de Cobres. Non faltou tampouco a referencia ao papel histórico das madamas, que durante séculos asumiron a responsabilidade do sacrificio do galo, un recordatorio do peso simbólico das mulleres nesta celebración.

O xurado avaliou os disfraces e escolleu os premiados nas categorías infantil, individual e de grupo. Estes galardóns entregáronse xunto cos do Concurso do Decoración de Lazos para o o Galo, que gañaron Saúl, Erea, Mayra Gil, Manu, Xoel e Cloe Poceiro do CEP Riomaior e Leire e Victoria do colexio Toural,  o sorteo dos lotes cedidos por Aceites Abril e os premios das persoas vencedoras nos diferentes xogos.

A danza tamén tivo o seu momento de protagonismo. Madamas e galáns ofreceron tres actuacións ao longo da tarde, ás que se sumaron dúas intervencións do grupo de Veteranas coa súa Danza das Espadas. Estes números serviron de antesala á queima do galo e á lectura do seu testamento, a cargo de Marci Varela.

Foi ISI quen exerceu de mestre de cerimonias e de predicador nunha tarde que puxo o punto final a un Entroido que, malia o vento e a choiva, mantivo viva a súa esencia grazas ao esforzo da Asociación Cultural Cobres e de toda a familia do Entroido de Cobres

Publicacións Relacionadas