A cuarta xornada do Festival Groba desenvolverase nun encontro único: o Convento de Canedo

adminON
Lectura mínima de 3

Rogelio Groba interpretará Un Adeus, unha partitura que estrea de forma exclusiva neste festival

O Concello de Ponteareas continúa inmerso na celebración da décimo terceira edición do Festival Groba, unha cita referente e consolidada na escena musical nacional.

Este mércores 20 de agosto, a música volverá resoar entre os muros da Igrexa do Convento de Canedo, nun dos concertos máis íntimos e emotivos desta edición. Todo o programa será interpretado pola Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, nunha noite que combinará emoción, virtuosismo e lirismo galego.

A velada comezará coa impoñente Passacaglia de Haendel-Aslamazyan, preludio perfecto para un dos momentos máis agardados: a interpretación da Ciaccona de T. Vitali na súa versión para violonchelo e orquestra, a cargo da brillante violonchelista canadense Luka Coetzee, cuxa expresividade e dominio técnico darán nova vida a esta obra barroca de poderosa intensidade.

A continuación terá lugar a estrea absoluta de Un Adeus, unha partitura do Mestre Rogelio Groba que destila lirismo, nostalxia e fondura, escrita nunha linguaxe sonora íntima e evocadora. Pechará o programa a suite barroca Intres boleses, tamén do Mestre Groba, unha reinterpretación contemporánea de danzas antigas que funde tradición e modernidade con elegancia e sensibilidade.

O festival continuará o xoves, ás 21:00 horas, no Auditorio Reveriano Soutullo, onde desfrutaremos coa maxia do piano de Zee Zee da peza Der Müller und der Bach e Liebesbotschaft de Schubert/Liszt, e a frescura do Octeto para cordas op 20 de Mendelssohn con Coeytaux (violín), Tchumburidze (violín), Fang (viola), Demarquette (cello) e o Elaia Quartett (cuarteto).

O venres chegará o momento da dobre cita do festival: pola mañá, ás 12:00 horas, vivirase a intimidade e paixón co Cuarteto nº2 ‘Cartas íntimas’ de L. Janacek e o Cuarteto para cordas D804 ‘Rosamunde’, de Schubert. Ambas pezas serán interpretadas por Elaia Quarttet (cuarteto), Flaksman (violín), Günther (violín), Rivinius (viola) e Spegg (cello).

Pola noite, ás 21:00 horas, contaremos cunha noite grande no Auditorio Reveriano Soutullo co Trío nº1 en re menor op 49 de Mendelssohn (por Coeytaux, Coetzee, Zee Zee) e o Quinteto con piano en La maior op.81, de Dvorak (Coeytaux, Tchumburidze, Fang, Demarquette, Zee Zee).

O sábado chegará o momento de despedirse desta XIII edición do Festival Groba, onde a Orquestra de Cámara Galega, Laura del Río (soprano) e Rogelio Groba (director) interpretarán tres pezas: Andante festivo, de Sibelius; unha selección de arias de óperas de Haendel, Puccini e Verdi; e Na Barxa, de Rogelio Groba.

Comparte este artigo