HomePontevedraBaixo MiñoA cultura abre camiño á Eurocidade da Foz do Minho

A cultura abre camiño á Eurocidade da Foz do Minho

- Anuncio -spot_img

O Rosal, A Guarda e Caminha captan fondos europeos para crear unha axenda cultural conxunta como antesala á constitución da eurocidade

O proxecto suporá un investimento de 573.000 en tres anos cofinanciados polo programa Interreg VI A POCTEP

Na desembocadura do Miño a fronteira foi sempre máis ponte ca límite e a cooperación dá un novo paso decisivo cara ao futuro. Os concellos do Rosal, A Guarda e Caminha veñen de captar fondos europeos ao abeiro da Eurocidade da Foz do Minho para poñer en marcha unha axenda cultural común e un calendario transfronteirizo de actividades que servirán como preámbulo á constitución oficial desta eurocidade. O proxecto, que suporá un investimento de 573.000 euros, estará cofinanciado ao 75 % polo Programa de Cooperación INTERREG VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027 e desenvolverase ao longo de tres anualidades.

O obxectivo principal desta iniciativa é configurar unha programación cultural compartida que potencie o diálogo, o intercambio artístico e a integración social, entendendo a cultura como un motor de desenvolvemento e cohesión nun territorio que xa funciona como eurocidade no plano social. A través deste proxecto tamén se dará pulo a tres grandes fitos culturais e festivos emblemáticos de cada concello: a Feira do Viño do Rosal, a Festa da Langosta da Guarda e o Artbeerfest de Caminha.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “este proxecto recoñece unha realidade que a veciñanza leva décadas construíndo: a da Foz do Miño como un espazo compartido de convivencia, relacións económicas, culturais e mesmo familiares”. “Agora damos o paso de trasladar esa eurocidade social ao plano administrativo e de gobernanza, aproveitando recursos europeos para facer máis forte e visible esta cooperación”, engadiu.

O proxecto contempla, ademais da axenda cultural, o deseño das estruturas necesarias para a creación formal da Eurocidade da Foz do Minho, incluíndo estatutos, órganos de gobernanza multinivel e unha Estratexia e Plan de Acción conxuntos. Tamén se impulsarán microaccións de cooperación en ámbitos estratéxicos como o crecemento intelixente coa creación dunha plataforma dixital da Eurocidade e dunha tarxeta do eurocidadán ou o desenvolvemento sostible, fomentando feiras e mercados de produtos locais e de quilómetro cero.

“A cooperación transfronteiriza permítenos optimizar recursos, compartir servizos e pensar o territorio dun xeito máis eficiente e sostible”, subliñaron as e os alcaldes dos tres municipios, que salientaron que “a Eurocidade da Foz do Minho será unha ferramenta clave para reforzar a identidade común, mellorar a calidade de vida da veciñanza e xerar novas oportunidades de desenvolvemento local”.

Os tres concellos socios traballarán de maneira coordinada e complementaria no despregue das accións previstas, impulsándoas desde cada territorio pero cunha visión conxunta e compartida. Un camiño común que consolida a Foz do Miño como exemplo de cooperación europea baseada na proximidade, na cultura e na suma de esforzos.

A presidenta da Cámara Municipal de Caminha, Liliana Silva, destacou que esta candidatura permitirá construír unha verdadeira Eurocidade, baseada nun traballo común de cooperación e na afirmación dunha identidade transfronteiriza forte. Referiu ademais que xa existen proxectos estruturantes para impulsar este proceso, como a creación dunha escola internacional de vela, o traballo conxunto con empresas e comercio local e a creación dunha marca común que valore e proxecte a Eurocidade da Foz do Minho.

Pola súa banda, o alcalde de A Guarda, Roberto Carrero, considerou este un momento histórico, salientando que as relacións entre os tres concellos sempre fixeron parte da súa historia común e que esta candidatura permite recuperar todo o potencial desa relación, que co tempo se foi desvanecendo por diferentes razóns.

Publicacións Relacionadas