As solicitudes deben presentarse telemáticamente ata o 15 de febreiro e os concellos contan cun catálogo de case 150 agrupacións musicais
Xa está aberto o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra poidan solicitar actuacións musicais dentro do programa Musigal, promovido pola Deputación. Estes concellos poden escoller entre un amplo abanico conformado finalmente por un total de 147 bandas de diversos estilos musicais que van do reggae ao folk pasando pola música tradicional galega ou o rap. A listaxe de grupos para este 2021 tamén inclúe actuacións pensadas para os pequenos e pequenas da casa.
Os concellos da provincia teñen ata o próximo 15 de febreiro para realizar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). Cada un deles pode solicitar ata un máximo de tres grupos, por orde de preferencia, e concederáselles unha única actuación.
O programa Musigal ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia. Xunto a isto, esta iniciativa pretende dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva e posta en valor do noso idioma, contribuír ao incremento do seu emprego, así como estender a socialización en galego da infancia e a toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia.