Bespi Inversiones ocupará un espazo próximo aos 7.000 m2 e, con ela son xa 27 as empresas presentes no polígono industrial
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o aluguer duna das parcelas do polígono industrial de Outeda-Curro, en Barro, de preto de 7.000 m2 que ocupará a empresa Bespi Inversiones por algo máis de 40.000 euros anuais, o que leva ao espazo empresarial a unha ocupación próxima ao 80%. Como explicou o presidente provincial, Luis López, trátase dun aluguer con dereito a compra, un dereito que a empresa poderá exercitar nos próximos cinco anos.
Con esta empresa xa son 27 as que están presentes no polígono de Barro, que ten na actualidade un total de 14 parcelas libres, cunha superficie total de 51.120 metros cadrados dos 264.576 cos que conta de superficie para actividade empresarial.
Algunhas das empresas presentes neste polígono son: Froiz, Hijos de Rivera, Mafari, Frutas Moncho, Mariscos Alumar ou Transfrío. Ademais, a Deputación ten instalado en Barro o Viveiro de Empresas, o Centro de Apoio Empresarial e o novo Parque de Maquinaria. “Barro segue avanzando desta maneira como un auténtico pulmón de emprego e actividade para toda a provincia e especialmente para a contorna de Pontevedra, que necesita apoio e consideración cara os emprendedores”, confirmou o presidente provincial.