Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 250.000 de euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que Rodeiro e Tomiño realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, estamos a reforzar, como nunca antes se fixera, a colaboración cos concellos para modernizar os equipamentos deportivos“.
En concreto, o Concello de Rodeiro recibe 89.223 euros para completar a ampliación e mellora das pistas de pádel municipal, que completan os 31.700 euros que xa recibiu o Concello dezán a través da primeira edición do PEID. Desta maneira, se os recursos do pasado ano permitiron a Rodeiro construir a superficie para unha segunda cancha, os aprobados hoxe permitirán a construción dunha cuberta para as dúas pistas e o peche perimetral da segunda.
Ademais, Tomiño contará con 162.075 € para a execución de novos vestiarios no campo de fútbol municipal “O Alivio”. Unhas instalacións que teñen por obxectivo servir de apoio ás persoas usuarias e para o que é necesario construír unha nova edificación. Desta forma, proxéctase a execución dos traballos necesarios de escavación e movementos de terra para a adecuación da parcela e a execución das cimentacións precisas, a execución da nova edificación e a demolición parcial de elementos do muro de bloque existente.