Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron a zona, na que a Deputación xa consignou preto de 540.000 euros do Plan Extra que se completarán cunha achega de 180.000 euros do +Provincia
Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron este luns o barrio do Sineiro, no Grove, onde anunciaron que a Deputación financiará integramente a segunda fase do seu proxecto de humanización, cun investimento total de preto de 720.000 euros. Tourís lembrou que o proxecto xa tiña consignados preto de 540.000 euros do Plan Extra e adiantou que a institución provincial tamén asumirá a porcentaxe de financiamento municipal a través do +Provincia, cunha achega doutros 180.000 euros que se aprobará proximamente na Xunta de Goberno.
Tourís deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que abarcan as rúas de Estremadura, Valencia e A Rioxa para reordenar os espazos viarios con criterios de mellora da seguridade viaria, a mobilidade peonil e accesibilidade, na busca de crear espazos de calidade para as persoas neste barrio con pouca afluencia de tráfico rodado e caracterizado polas súas pronunciadas pendentes. As tres rúas contarán con plataforma única, eliminando os bordes que dificultaban a accesibilidade peonil e as manobras dos vehículos, con sentido único de circulación, carrís de 2,75 metros e beirarrúas de 2,50 metros que darán continuidade ás das rúas Cantabria (xa humanizada) e Navarra. O proxecto inclúe a reordenación dos aparcadoiros, espazos delimitados para os residuos con xardineiras altas para embelecelos, a instalación de mobiliario, xardinería de calidade e iluminación LED eficiente e mais a renovación dos servizos urbanos (saneamento, electricidade, telecomunicacións e optimización do abastecemento de auga).
“Somos un goberno municipalista”, lembrou o deputado provincial, “que escoita as demandas dos gobernos locais e atende as necesidades dos concellos” con iniciativas como o Plan +Provincia, “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, dotado este ano de 48,2 millóns de euros”, e outros como “o Plan Extra, que permite que poidan facer fronte aos seus proxectos máis ambiciosos”. Javier Tourís asegurou que “o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra vaia a máis, avanzando como nunca antes”, con recursos cos que “estamos a conseguir que os concellos poidan asumir todas esas iniciativas que transforman as súas vilas, e que por si sos non poderían acometer”.