HomeO MorrazoCangasA Deputación avanza que financiará integramente as obras de rehabilitación do pavillón...

A Deputación avanza que financiará integramente as obras de rehabilitación do pavillón O Gatañal de Cangas ao achegar axudas por valor de preto de 1,2 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe este espazo no que o organismo investirá 820.000 € do Plan Extra e outros 295.000 euros do +Provincia que se aprobarán este venres

A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe o pavillón municipal do Gatañal xunto coa alcaldesa de Cangas do Morrazo, Araceli Gestido, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras de rehabilitación deste edificio, cun orzamento de preto de 1,2 millóns de euros. Ramallo lembrou que para esta actuación o organismo provincial xa comprometera 820.664 euros do Plan Extra Provincia Extraordinaria e anunciou que este venres, en Xunta de Goberno, se aprobarán outros 295.412 euros do Plan +Provincia para completar o orzamento e financiar o 100% da actuación.

Ramallo deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Cangas realizar unha reforma integral do pavillón de deportes municipal do Gatañal, que conta na actualidade con diferentes deficiencias. A obra prevé, desta maneira, adecuar o edificio ao seu uso mediante unha renovación integral de acabados con criterios de eficiencia enerxética. En concreto, mellorarase toda a envolvente, incluíndo as fachadas e a cuberta, procederase á impermeabilización da estrutura, ao illamento con paneis de aluminio e a substituír portas e ventás. Tamén se dotará ao pavillón de novas instalacións eléctrica e de fontanería, de aire acondicionado con bomba de calor e dun novo ascensor para acceder ás gradas sen barreiras arquitectónicas. Ademais instalarase unha nova iluminación máis eficiente e adaptada ás esixencias da Liga Asobal de balonmán e das retransmisións por televisión.

A deputada provincial lembrou que “somos un goberno que escoita as demandas e atende as necesidades dos concellos” e “estamos a transformar a provincia con programas como o Plan Extra, que ascende aos 38 millóns de euros para financiar proxectos estratéxicos nos concellos, ou o Plan +Provincia,  dotado con 48,2 millóns de euros”. María Ramallo asegurou que “o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra avance como nunca antes fixera”, e “estes plans provinciais están a permitir que os concellos afronten investimentos e actuacións que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida da nosa xente e que sen os recursos da Deputación serían impensables”.

Publicacións Relacionadas