Trátanse de recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
Con máis de 310.000 €, Vilagarcía é o concello que máis recursos recibe deste Plan. Na primeira edición recibiu ademais 206.000 € para repoñer o céspede artificial no campo de Berdón e instalar unha pantalla LED na Lomba e asentos en Fontecarmoa
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova achega ao Concello de Vilagarcía de Arousa no marco do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. En concreto, son preto de 140.000 euros para reformar a pista de atletismo de Fontecarmoa. Trátase, como explicou o presidente provincial, Luis López, da primeira achega aprobada para o concello arousán ao abeiro da segunda edición deste Plan, que recibirá un total de 312.000 euros, sendo de novo o concello da provincia en recibir máis recursos.
Desta maneira, Vilagarcía de Arousa foi tamén o concello máis beneficiado no marco do primeiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, con 206.000 euros para tres finalidades diferentes. En concreto, recibiu preto 22.0000 euros para instalar unha pantalla LED videomarcador no campo de fútbol da Lomba, máis de 176.000 € para a reposición do céspede artificial no campo de fútbol de Berdón e outros preto de 8.000 euros para a subministración de 540 asentos para o pavillón de Fontecarmoa, no que a Deputación investiu a través de distintos plans provinciais unha suma total de 1,5 millóns de euros.
Os 164.255 euros que recibe agora Vilagarcía de Arousa de fondos provinciais permitiranlle reformar a pista de atletismo de Fontecarmoa co fin de mellorar o estado actual das instalacións e volver albergar probar oficiais . Desta maneira, levaranse ao cabo actuacións de pintura, nos pavimentos, os bordos, as chapas sinalizadoras, os círculos de lanzamento de peso e a iluminación, co obxectivo de dotar á pista das mellores condicións deportivas, aumentando así as horas de emprego e garantindo a práctica do atletismo aos clubs e deportistas en calquera época do ano.