A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, participou na presentación deste encontro que está organizado por Toni Garrido, presidente do Club Hong Muay Thai Academy
A Deputación de Pontevedra colaborará coa I Velada Muay Thai Guerreiros da Terra de Montes que levará este sábado a ata 500 persoas de España e Portugal a Cerdedo-Cotobade. Así o confirmou a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, no acto de presentación deste encontro no que participou o alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, e Toni Garrido, presidente do Club Hong Muay Thai Academy, organizador da velada.
Sánchez remarcou que “queremos colaborar con este importante evento deportivo no marco do noso firme compromiso para converter a provincia de Pontevedra no mapa dos mellores eventos deportivos do mundo”. A vicepresidenta lembrou que desde o executivo provincial “estamos traballando para facer a gran visión que temos desta provincia, e sendo conscientes como somos do altísimo nivel que temos, xa que somos canteira, queremos estar á altura en todos os aspectos do mundo deportivo coa organización de grandes eventos”.
Luisa Sánchez puxo en valor que “persoas como Toni Garrido compartan esta visión, porque por máis que nós teñamos prestemos toda a nosa axuda, non hai visión sen a implicación dos clubs, federacións e deportistas, que sodes quen poñedes toda a carne no asador e levades o peso”. Por iso agradeceu a súa aposta pola velada, que se celebrará este sábado en Cerdedo e que nos permite “promover o deporte, engrosar as nosas bases e reforzar tamén a posición da provincia como destino turístico de primeiro nivel”.
O Pavillón Municipal de Cerdedo, lugar no que terá lugar este acontecemento deportivo internacional, abrirá as súas portas a partir das 19:00 horas, dando comezo a velada a partir das 19.30 horas. Na xornada poranse en xogo 3 cinturóns, dous de Neo Profesional e 1 de Profesional. A I Velada de Muay Thai Guerreiros da Terra de Montes prevé unha asistencia de 500 persoas e durante a actividade terán lugar ata 15 combates de diferentes categorías, con competidores procedentes de toda a xeografía española e tamén de Portugal.