A institución provincial escollerá ata oito proxectos empresariais en fase inicial e de consolidación que recibirán dous meses de formación no viveiro de empresas
O goberno de Luis López acaba de abrir o prazo para participar, no marco do proxecto SmartPeme, no Programa de Crecemento Empresarial que se desenvolverá no viveiro de empresas da institución provincial en Lalín, situado no Polígono Industrial Lalín 2000. O programa, que comezará os primeiros días de decembro, permitirá impulsar a ata un máximo de oito proxectos empresariais que comezaron a súa actividade recentemente ou que buscan ser consolidados no mercado no que operan. As empresas interesadas en participar poden presentar a súa candidatura ata o 30 de novembro na web de SmartPeme.
O Programa de Crecemento Empresarial no Viveiro de Lalín de SmartPeme está destinado a persoas que acaban de iniciar a actividade do seu proxecto e que buscan impulsalo, ou ben tamén a aqueles proxectos empresariais en fase de consolidación, de reorientación e/ou de lanzamento de novas liñas de negocio. Deben ter domicilio social na provincia de Pontevedra ou, de non estaren constituídas, as persoas responsables deben ser residentes neste territorio. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario na web de SmartPeme e achegar unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se detalle o obxectivo do proxecto; a misión, visión e os seus valores; a actividade a realizar; a descrición do produto/servizo e tamén o que pretende alcanzar coa súa participación no Programa de Crecemento Empresarial. A documentación será avaliada por un equipo técnico de SmartPeme que seleccionará ata un máximo de oito proxectos para participar no programa.
Os proxectos seleccionados pola Deputación beneficiaranse dun completo programa formativo no Viveiro de Lalín que se estenderá entre o 5 de decembro de 2023 e o 15 de febreiro de 2024. Durante este período, recibirán sesións de formación grupais, de carácter dinámico e innovador, para potencialos ao máximo e favorecer a colaboración e a creación de sinerxías co resto de participantes. O programa tamén incluirá sesións de asesoramento personalizado e individualizado para afondar en temas vinculados á competitividade, o emprendemento, a identidade corporativa ou as novas tecnoloxías. En concreto, aprenderán sobre modelos de negocio, plan de empresa e plan de márketing dixital, redes sociais, márketing de contidos, finanzas e fiscalidade para emprendedores ou a metodoloxía ‘Lego Serious Play’, entre outras.