Trátase dunha actividade enmarcada no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade, que será impartida por Maritza Berttolini na Fundación Ofir Vida
A Deputación oferta un total de 15 prazas e a inscrición, aberta xa, pode realizarse a través do correo electrónico participa.igualdade@depo.es
A Deputación de Pontevedra pon en marcha este sábado 7 de xuño un obradoiro de bordado de palabras enmarcado no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo Provincial pola Igualdade. A acción leva o título de “Bordando Historias”, será impartida pola bordadora Maritza Berttolini e contará con dúas sesións, este sábado en horario de 11:00 a 13:00 horas e o próximo 5 de xullo en horario a escoller, ou de 11:00 a 13:00 horas ou de 17:00 a 19:00horas. A deputada provincial Sandra Bastos será a encargada de abrir este taller que conta con 15 prazas e para o que é preciso inscribirse a través de participa.igualdade@depo.es.
“Bordando Historias” será un espazo no que explorar e descubrir o bordado como unha ferramenta narrativa para reinterpretar a palabra escrita a través deste. Nel proporase un exercicio de representación a través do fotobordado e da composición téxtil para reflexionar sobre a identidade e a importancia de mulleres destacadas e/ou elixidas para o obradoiro. Impartirao Maritza Berttolini, artista téxtil mexicana e residente en Pontevedra que se dedica a trasladar o seu mundo imaxinario cheo de fantasía e cor á súa arte, utilizando para iso as técnicas do bordado, tapiz de man e tufting.
Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra na que as protagonistas son as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Durante seis meses o programa está a reivindicar a palabra das escritoras do pasado e de 15 escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas e recitais, ademais de obradoiros de lectura a través da poesía, da narrativa e do bordado de palabras.