A deputada de Infraestruturas Isabel Couselo asegura que o xoves pasado foi enviado un correo electrónico ao alcalde de Caldas para convidalo á visita de remate das obras da estrada entre Caldas e Vilanoviña
A Deputación desminte que o alcalde de Caldas de Reis non fora convidado ao acto na EP-8004 celebrado este mesmo luns no concello de Portas e insta a que pida desculpas polas falsas acusacións e descualificacións vertidas aos medios de comunicación. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, asegurou que “o pasado xoves 19 de setembro foi enviado un correo electrónico ao alcalde de Caldas (alcaldia@caldasdereis.com) para convidalo á visita de remate das obras da estrada provincial entre Caldas e Vilanoviña, ao igual que fixemos de xeito simultáneo cos alcaldes de Portas e Vilanova e a alcaldesa socialista de Meis, Marta Giráldez, que si estivo no acto”.
Couselo asegurou que “empregamos o mesmo correo electrónico que cando convocamos ao alcalde, en maio, a unha reunión co presidente á que si acudiu”. Neste contexto, a deputada provincial lamentou que se empregue unha visita institucional a unha estrada provincial para “espallar mentiras e descualificacións infundadas” e aproveitou a ocasión para remarcar que “desde que entramos a gobernar na Deputación temos demostrado que gobernamos para todos, independentemente da súa cor política; que non somos un goberno sectario, que recibimos a todos os alcaldes e alcaldesas, como fixemos en maio con Caldas, aos que escoitamos e atendemos; e que estamos a visitar todos os concellos da provincia, sen mirar siglas. Esta é a verdade e aí están os feitos”.