HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destina 15.000 euros para que sete entidades sen fins de...

A Deputación destina 15.000 euros para que sete entidades sen fins de lucro do Morrazo impulsen actividades de dinamización da lingua galega

- Anuncio -spot_img

A liña de axudas, que repartiu máis de 112.000 euros entre 44 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de máis de 15.000 euros a sete colectivos da comarca do Morrazo no marco das súas axudas para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. No marco desta liña, cuxo reparto se aprobou na última Xunta de Goberno da institución provincial, resultaron beneficiarias un total de 44 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.

En Bueu, reciben recursos provinciais dous colectivos: por unha banda, a Asociación de Comerciantes e Industrias de Bueu recibirá 1.438 € para un proxecto de dinamización do galego no Nadal e, pola outra, FICBueu recibirá 3.500 € para a rodaxe dunha curtametraxe creada no marco dun taller en colaboración coa Fundación Menela. En Cangas do Morrazo foron catro as asociacións que conseguiron recursos: ACICA realizará un proxecto de dinamización o galego na Feira de Oportunidades 2025 con 3.157,17 € de fondos provinciais, mentres que a Asociación para a Promoción Turística do Morrazo e a Asociación O Son do Pobo realizarán recitais poéticos e a Asociación Xuvenil Cultural Staccato a actividade “Cantares Galegos – Ano Castelao 2025”, os tres con cadansúa axuda de 1.503,75 €. Por último, en Moaña recibirá achegas a Agrupación do Pequeno Comercio e Hostalería de Moaña, en concreto 2.673,55 € para un proxecto de dinamización na Xincana Infantil.

Con estes recursos, as entidades da provincia poden realizar accións para favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía en todos os ámbitos. Deste xeito, a Deputación  contribúe a que poidan atender a demanda que ano tras ano mantén o tecido asociativo da provincia en favor da promoción e defensa da lingua.

Publicacións Relacionadas