HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destina 460.000 euros para a promoción e o impulso do...

A Deputación destina 460.000 euros para a promoción e o impulso do turismo na provincia de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

Trátanse das liñas de axudas para o impulso de actividades turísticas e a divulgación de recursos, dotada con 80.000 €, para a promoción de eventos deportivos de interese turístico, con 100.000 €, e para a dotación de persoal nas 31 oficinas da rede Info Rías Baixas, con 280.000 €

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou en conferencia de prensa da aprobación en Xunta de Goberno das bases de tres liñas de axudas para impulsar o turismo na provincia neste 2025 que suman un total de 460.000 euros. En concreto, trátase de 80.000 euros para que entidades sen ánimo de lucro realicen actividades centradas na promoción do sector turístico ou na divulgación de recursos turístico da provincia, 100.000 euros para promover eventos deportivos de interese turístico e cunha importante proxección mediática exterior e 280.000 euros para dotar de persoal ás 31 oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas. “Somos moi conscientes da importancia do sector turístico para esta provincia e de todo o relacionado con el e non imos escatimar recursos para que Pontevedra siga a ser sinónimo de excelencia en canto a calidade, accesibilidade e sustentabilidade”, asegurou o presidente provincial.

A primeira das liñas de axudas, dirixida a entidades sen ánimo de lucro para actividades turísticas, destinará por concorrencia competitiva ata un máximo de 5.500 euros por proxecto, non podendo exceder o 70% do orzamento do mesmo. As actividades, que deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2025, deben estar dirixidas a promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como a divulgar os recursos turísticos da provincia como poden ser a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enogastronomía, a saúde, o benestar e o termalismo.  O pasado ano esta liña de axudas beneficiou a 18 entidades da provincia.

No segundo caso, as achegas están destinadas a fomentar a actividade turística a través do deporte. Trátase, como lembrou o presidente provincial, dunha liña de axudas por concorrencia competitiva que se estreou o pasado ano “esgotando o 100% do crédito e beneficiando a doce clubs deportivos e asociacións da provincia”. O obxectivo é apoiar a celebración de eventos deportivos relevantes e cunha importante proxección mediática exterior, que se celebren durante este ano. En liñas xerais, cada entidade beneficiaria poderá recibir un máximo de 9.000 euros, sempre que non supere o 40% do custo total do evento. “Queremos que estes eventos contribúan a aumentar o número de pernoctacións na provincia e, por suposto, o retorno económico que trae a chegada de visitantes para o conxunto da economía da provincia”, confirmou López.

Oficinas da rede Info Rías Baixas

A Xunta de Goberno da Deputación tamén deu luz verde a 280.000 euros para a prestación dos servizos de información e atención aos visitantes nas 31 oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas. A través destas achegas poderán financiarse tanto os custos salariais de persoas empregadas públicas que presten servizos de atención ao público como os derivados da contratación do servizo. Entre os requisitos da convocatoria, destaca que as persoas contratadas deben ser diplomadas en Turismo, ter o ciclo de formación Profesional en Guía, Información e Asistencias Turísticas ou en Comercialización Turística e Guía, ou contar co certificado de profesionalidade e promoción turística local e información ao visitante.

O importe máximo da subvención para cada unha das entidades solicitantes non poderá exceder o 75% do seu orzamento nin superar os 7.000 euros no caso de que se subvencionen os custos derivados da contratación dunha persoa informadora nas oficinas de turismo. Nos concellos declarados como “municipio turístico”, poderán dispor de dúas persoas informadoras, e o importe máximo da subvención ascenderá aos 14.000 euros.

Publicacións Relacionadas