Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000 euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”
Con estes recursos levaranse a cabo proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, plans municipais de igualdade, iniciativas para mellorar a inserción laboral das mulleres, campañas de difusión ou, entre outras, actuacións de fomento da corresponsabilidade
A Deputación de Pontevedra destina máis de 27.000 euros aos concellos de Agolada, Forcarei, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000 euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”.
“Somos –subliñou o presidente da Deputación de Pontevedra- un goberno comprometido coa igualdade e este ano, temos consignado 460.000 euros a dúas liñas de axudas nesta materia”. Ao respecto recordou que aos 260.000 euros aprobados na Xunta de Goberno desta semana hai que engadir outros 200.000 xa destinados a 40 entidades sociais da provincia para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. “Sumamos recursos e esforzos para que esta provincia sexa un lugar mellor, no que mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades”, remarcou Luis López.
Con estes recursos, Agolada porá en marcha a avaliación do I Plan de Igualdade e a elaboración do II, Forcarei impulsará un campamento multideporte para a mocidade, Rodeiro o proxecto “Equal-Camba”, Silleda o programa “Máis Violeta” e Vila de Cruces “Aprender en igualdade, Construír futuro”, con contías que oscilan entre os 4.300 e os 6.000 euros. En liñas xerais, tal e como explicou o presidente, dos 48 concellos beneficiarios das axudas provinciais 15 porán en marcha iniciativas de capacitación e formación en materia de igualdade e prevención da violencia machista, 13 proxectos de sensibilización e fomenta da igualdade, 11 programas de conciliación e educación en igualdade de nenas e nenos e nove traballarán na avaliación, redacción e mellora dos plans municipais de igualdade.