Trátanse de Horsal e da Cooperativa Vitivinícola Arousana que recibirán recursos da liña de axudas provincial ás cooperativas agrogandeiras para adquirir unha traspaleta, unha etiquetadora, unha esfolladora e mobiliario
“O sector primario –asegurou o presidente da Deputación Luis López- é un sector económico fundamental para a nosa provincia, motor de emprego e dinamismo”
A Deputación de Pontevedra destina neste 2025 máis de 55.000 euros a dúas cooperativas de Meaño e Cambados. Así o confirmou o presidente provincial Luis López, trala aprobación na Xunta de Goberno do reparto das axudas provinciais ás cooperativas agrogandeiras da provincia que, este ano, ascenden a 350.000 euros, 100.000 máis que o pasado ano. “O sector primario –asegurou o presidente- é un sector económico fundamental para a nosa provincia, motor de emprego e de dinamismo”.
Na zona do Salnés benefícianse desta liña de recursos provinciais, con 55.000 euros, Horsal e a Cooperativa Vitivinícola Arousana que poderán facer fronte á adquisición de mobiliario, dunha traspaleta, dunha etiquetadora e dunha esfolladora. En total, no conxunto da provincia esta liña de axudas chegará a 12 cooperativas que recibirán entre os preto de 6.000 euros de contía mínima e os máis de 45.000 euros de máxima para facer fronte a investimentos como adquisición de parcelas, vehículos, maquinaria ou equipos e sistemas informáticos ou para realizar obras nas súas instalacións.
López subliñou a estreita relación que ten o sector primario con outros sectores económicos de importancia na provincia como é o turismo, “ao proporcionar produtos de quilómetro cero a unha gastronomía, como a nosa, que nos identifica e posiciona no mundo”. Por estes motivos, o presidente amosou a vontade de “estar ao carón do sector agrogandeiro, con liñas de axudas como esta, que avanzan na modernización do seu tecido produtivo para que poidan gañar en competitividade e ir, como esta provincia, sempre a máis”.