O presidente provincial, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientaron na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno da Deputación co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos en dous anos
45 comunidades de usuarios de augas da contorna do Deza e Terra de Montes recibirán axudas por valor de preto de 450.000 € para mellorar as súas instalacións e equipamentos e regularizar as súas traídas
105 asociacións e colectivos veciñais desta contorna da provincia serán beneficiadas con máis de 1,3 M€ para adquirir equipamento e mellorar e renovar instalacións e locais sociais
A Deputación de Pontevedra está a destinar nestes dous anos de goberno preto de 1,8 millóns de euros a 150 asociacións e comunidades de augas dos concellos Agolada, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Son 45 comunidades de usuarios de augas destes concellos da contorna do Deza e Terra de Montes as entidades que recibirán axudas por valor de preto de 450.000 € para mellorar as súa instalación e regularizar as súas traídas. Pola súa banda, 105 asociacións e colectivos veciñais desta contorna serán beneficiadas con máis de 1,3M€ para adquirir equipamento e mellorar e renovar as súas instalacións e locais sociais.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno provincial co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos nestes primeiros dous anos de mandato. Tamén aproveitou para adiantar que no 2026 as liñas de axudas dirixidas ao tecido veciñal medrarán un 20% para seguir espallando recursos a un colectivo “que nos está permitir construír unha provincia máis avanzada, participativa e cohesionada”, destacou o presidente.
No que respecta ás comarcas do Deza e Terra de Montes, catro colectivos de Agolada están a ser beneficiados con máis de 26.000 € das liñas de axudas provinciais para a Acción Comunitaria: +Aqua, Novaqua e Provincia Comunitaria. Dúas comunidades de usuarios de augas recibirán máis de 12.000 € para construír un recinto para un depósito de augas e renovar a concesión da traída e outras dúas asociacións máis de 14.000 € para adquirir equipamentos para os seus locais sociais.
De Cerdedo-Cotobade son 38 as entidades que reciben preto de 395.000€ ao abeiro destas liñas de axudas provinciais. 25 comunidades de augas contarán con 275.400 € para realizar melloras nos sistemas de control e calidade da auga, para optimizar as captacións, acondicionar os depósitos, potabilizar, instalar novas tubaxes e renovar infraestruturas; 4 comunidades de augas recibirán 22.500 € para regularizar as traídas e 9 asociacións preto de 97.000 € para adquirir mobiliario, realizar actuacións de eficiencia enerxética e obras de mellora dos seus locais sociais.
No caso da Estrada, 63 entidades reciben preto de 804.000 €. Trátanse de tres comunidades de augas que, con 30.000 €, van poder realizar obras de mellora nas súas infraestruturas, outras tres que regularizarán as traídas, con máis de 14.000 €, e 57 asociacións contarán con 760.000 € para mellorar os seus locais sociais, adquirir mobiliario e equipamentos, realizar obras de rehabilitación e insonorización ou arranxar problemas de humidade e cubertas.
Pola súa banda, no Concello de Forcarei sete entidades reciben preto de 80.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación. Delas, 5 trátanse de comunidades de auga que con 50.000 € están a realizar melloras no sistema de captación, nos depósitos e infraestruturas, así como para colocar contadores e cambiar tubaxes; e outras dúas son asociacións da localidade que con preto de 30.000 € van acondicionar os seus locais sociais.
24 son as entidades do Concello de Lalín que reciben preto de 300.000 € dos plans de Acción Comunitaria da Deputación. Trátanse da comunidade de usuarios de augas de Zarra de Busto, que con 10.000 € instalará dous equipos dosificadores dixitais, e de 23 asociacións que contarán con reto de 290.000 € para adquirir mobiliario e equipamento, acondicionar palcos, instalar carpas o impulsar proxectos de mellora dos seus locais sociais.
Ademais, dúas asociacións de Rodeiro contarán con preto de 16.000 € para dotar aos seus locais sociais de novos equipamentos, e cinco entidades de Silleda contarán con preto de 60.000 €. Neste caso trátanse da comunidade de usuarios da traída de augas de Laro, que contará con 20.000 € para a rehabilitación dunha condución de auga e instalar unha bomba dosificadora de cloro, e de catro asociacións que con 40.000 € van levar a cabo obras de mellora das instalacións dos seus locais sociais. Pola súa banda, catro asociacións de Vila de Cruces contarán 51.000 € para dotarse dunha carpa e mellorar os seus locais sociais.



