A institución provincial aproba o expediente de contratación dos traballos, cun investimento superior aos 116.000 euros, trala aprobación do proxecto por parte do goberno do Concello de Poio
A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o procedemento para contratar as obras na denominada como “Casa de Combarro”, inmoble propiedade da Deputación, cun investimento de máis de 116.000 euros. Este impulso ten lugar despois de que a Xunta de Goberno local do Concello de Poio aprobase o proxecto das obras, unha das cuestións incluídas no convenio subscrito entre as dúas administracións e que culminará coa cesión gratuíta por parte da administración provincial por un período de 30 anos.
O obxectivo destas obras, que terán unha duración estimada de arredor de catro meses, é conservar e manter esta edificación para mellorar a súa salubridade, habitabilidade e eficiencia enerxética. Os traballos inclúen substituír a cubrición de tella con illamento no espazo baixo cuberta, revisar a estrutura de madeira de soporte da cuberta para substituír os elementos en mal estado, reparar o canlón medianeiro, limpar a fachada de pedra de maneira manual, revisar o encintado na pedra ou substituír as carpinterías exteriores e as contras de madeira.
Ademais, tamén se procederá a implantar un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia así como dun sistema de ventilación con recuperador de calor, colocar novas luminarias LED en todas as estancias, renovar a instalación eléctrica adaptándoa ás novas necesidades e á normativa vixente, remodelar o aseo e executar unha nova instalación de fontanería e saneamento, e finalmente acondicionar as paredes e teitos do inmoble.
A Casa de Combarro foi adquirida pola Deputación en 1958, e en 1978 o Pleno cedeu o seu uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha casa da cultura e oficina de turismo. En decembro de 2022 o Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou por unanimidade a cesión do inmoble ao Concello de Poio que a converterá nun centro de promoción turística e de posta en valor do seu patrimonio histórico-cultural.