HomePontevedraCaldasA Deputación inicia en Portas un obradoiro de banca móbil e compras...

A Deputación inicia en Portas un obradoiro de banca móbil e compras en liña no marco do programa +Reto Dixital

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial, Ricardo Martínez, deu a benvida á veciñanza que inicia o último obradoiro do programa provincial en Portas que, xunto as accións xa desenvolvidas sobre aplicacións sanitarias e sedes electrónicas, reuniu a un total de 36 participantes

+Reto Dixital é un programa que busca facilitar o acceso das persoas maiores aos servizos da Administración pública e dotalas de autonomía nos trámites cotiáns adquirindo competencias dixitais coas que mellorar a súa calidade de vida

O deputado provincial, Ricardo Martínez, acaba de dar a benvida na Casa da Cultura da localidade á veciñanza que acaba de iniciar un obradoiro de banca móbil e compras en liña no marco do programa +Reto Dixital da Deputación de Pontevedra. “A fenda dixital é evidente, e temos que implicar a cidadanía para reducila. Alégrame moito que no caso do meu concello conseguíramos unha grande resposta”, asegurou o deputado provincial e tamén alcalde de Portas sobre a iniciativa, que reuniu a un total de 36 participantes nas tres accións formativas que se desenvolveron na vila e que forman parte dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica deste programa da Deputación.

+Reto Dixital ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais. Están a participar neste programa provincial, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade e Portas, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.

Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou a cada concello cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.

Publicacións Relacionadas