HomeBaixo MiñoA GuardaA Deputación inicia esta semana 9 novos obradoiros do programa Provincia Activa...

A Deputación inicia esta semana 9 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

- Anuncio -spot_img

Máis de 150 veciños de oito concellos da provincia comezarán esta semana accións formativas centradas en risoterapia, ximnasia de mantemento, bailes de salón, ioga, plantas medicinais, restauración de mobles e tapicería, e musicoterapia

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación dos obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana comezarán 9 novas accións en outras tantas entidades sociais que mobilizarán un total de 154 veciños de oito concellos da provincia: Arbo, Caldas de Reis, Catoira, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Lalín, O Porriño e Vigo.

Os obradoiros dan comezo este luns 6 de outubro cunha actividade de risoterapia para a Unión de Xubilados e Pensionistas da UXT de Vigo e outra de ximnasia de mantemento para a Asociación de Consumidores de Muíños do Vento (Catoira). O martes 7 de outubro a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo tamén inicia unha formación de ximnasia de mantemento, mentres que a Asociación de Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco (Caldas de Reis) aprenderá bailes de salón, a Asociación Mulleres en Igualdade de Prado (Lalín) restauración de mobles e tapicería e a Asociación de Amas de Casa Rosais (O Porriño) sobre plantas medicinais. As accións continúan o mércores 8 de outubro cun curso de ioga para a Asociación Érguete (A Guarda) e o xoves 9 de outubro con outro de restauración de mobles e tapicería para a Asociación As Mimosas de Carracido (O Porriño). Por último, a Asociación de Veciños San Gregorio de Corredoira (Cerdedo-Cotobade) realizará un obradoiro de musicoterapia.

A Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento”  (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.

Publicacións Relacionadas