“O son das voces no corpo”, do músico, actor e bailarín Marcelo Dobode, é unha actividade organizada pola institución provincial no marco do Ateneo pola Igualdade
A Deputación de Pontevedra organiza este mércores 3 de setembro a acción “O son das voces no corpo”, do músico, actor e bailarín Marcelo Dobode, no Centro Penitenciario da Lama. Será a estrea do novo programa Proxecto Acción Cultural, integrado no Ateneo pola Igualdade e que dá continuidade ao proxecto de transformación artístico-pedagóxica realizado o ano pasado na biblioteca do centro.
Na acción “O son das voces no corpo” un grupo de 25 internas fará un traballo corporal con percusión e voz a través da música tradicional galega e o flamenco, e será a primeira das seis accións que se teñen previsto organizar no Centro Penitenciario nos próximos meses ao abeiro deste programa. A programación do Proxecto Acción Cultural inclúe un obradoiro de fotografía, dúas sesións de xogos para desconectar e conectar, unha sesión de ioga, relaxación e lectura reflexiva e unha festa final como peche ao ciclo.
Proxecto Acción Cultural nace da observación de que un recinto pechado, restrinxido e hermético pode ser tamén un lugar para a cultura e a educación, onde desenvolver actividades creativas como un medio para canalizar as emocións positivas e ofrecer tempos de calidade. O proxecto achega ás internas actividades de lecer e recursos creativos que estas poidan realizar de forma autónoma, con atención transversal á igualdade e buscando crear unha comunidade diversa e plural nun espazo de acubillo, seguro e sen prexuízos.
O Ateneo Provincial pola Igualdade é un recurso público especializado, posto á disposición de toda a cidadanía da provincia, que ten por obxecto ser un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. O seu obxectivo principal é a investigación e divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero. A súa programación está pensada para procurar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na provincia, e fomentar os coñecementos científicos, técnicos e artísticos que axuden a reducir as fendas de xénero.



