O deputado provincial Roberto Carrero visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
O deputado provincial Roberto Carrero acaba de realizar unha visita a Tui, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente a renovación do parque infantil da alameda. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto 166.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. Nesta anualidade, o plan destina á vila preto de 1.162.000 € e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 813.000 €.
O deputado deu conta dos traballos que Tui levará a cabo con estes fondos provinciais e que permitirán a renovación do parque infantil da alameda, localizado no casco urbano da vila. O recinto, que conta cunha superficie de 403 m2, presenta varias zonas con mobiliario urbano e xogos infantís. A actuación consistirá na instalación de novos elementos de xogo e mobiliario, así como un pavimento con amortecemento. Co obxectivo de mellorar a calidade dos servicios prestados para a veciñanza, especialmente no que se refire aos cativos, todos os traballos que se realicen cumprirán a normativa actual en materia de parques infantís.
Roberto Carrero destacou que o Plan +Provincia é “a mellor referencia de que a Deputación sempre está do lado dos concellos, dando resposta as súas demandas e facendo fronte a proxectos que melloran a calidade de vida dos nosos veciños”. O deputado provincial lembrou que con este programa a Deputación de Pontevedra “está a impulsar actuacións tan importantes como a que hoxe anunciamos en Tui, que non só modernizan as nosas vilas, senón que impulsan o avance de toda a nosa provincia”.