Os deputados provinciais Belén Cachafeiro e Jorge Cubela anunciaron hoxe no concello que a actuación estará financiada con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
Os deputados provinciais Belén Cachafeiro e Jorge Cubela anunciaron en Forcarei que a Deputación se encargará de financiar integramente a urbanización de varias rúas situadas nos núcleos de Vilariño e Acevedo. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de 223.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta actualidade, o plan destina á vila un total de 682.000 € e, no caso concreto da liña 1 de investimentos, 477.000 euros.
Belén Cachafeiro deu conta dos traballos que levará a cabo Forcarei con estes fondos provinciais, 223.022,08 euros que permitirán mellorar diversas rúas dos dous núcleos que se atopan en mal estado, con acabados irregulares, con moitos treitos invadidos pola vexetación e deficiencias no funcionamento da súa drenaxe. O estado actual provoca dificultades para a circulación de vehículos e peóns e, ademais, que a escorrentía superficial degrade aínda máis o estado de pavimento. A solución proxectada, común aos dous núcleos, será unha calzada de formigón impreso que permitirá adaptarse ás particularidades de cada rúa coa vantaxe, ademais, de ser un material con ampla resistencia e durabilidade.
A deputada destacou o Plan +Provincia como “o programa estrela desta Deputación, que segue a estela que marcamos desde a nosa chegada ao goberno provincial co municipalismo no centro”. Cachafeiro lembrou que con este programa a Deputación de Pontevedra está a “modernizar a provincia de Pontevedra como nunca antes se fixera, mellorando a calidade de vida da cidadanía con actuacións transformadoras como esta que vai mudar por completo as rúas de Vilariño e Acevedo”.