HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación investirá preto de 70.000 euros para mellorar o acceso á...

A Deputación investirá preto de 70.000 euros para mellorar o acceso á escola de Outeiro, en Pazos de Borbén

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial Nava Castro visitou o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres

A deputada provincial Nava Castro visitou este xoves Pazos de Borbén, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar ao 100% as obras de mellora do acceso á escola do Outeiro, o camiño da Galeriña. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de 67.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. No 2025, o plan destina á vila un total de 476.000 € e, no caso concreto da liña 1 de investimentos, preto de 333.000 euros.

A deputada deu conta dos traballos que levará a cabo Pazos de Borbén con estes fondos provinciais, que permitirán solucionar o mal estado no que se atopa esta vía debido á grande intensidade de tráfico que soporta, ao dar acceso á escola do Outeiro, na parroquia de Nespereira. Previamente aos traballos de ampliación e mellora da vía, desmontaranse varios muros que se atopan no camiño, estabilizarase outro e limparanse as marxes da vía. Realizarase a pavimentación con aglomerado en quente, realizaranse novos muros con pedra rústica e granito, e posteriormente realizarase o marcado lonxitudinal e a instalación da sinalización vertical.

Nava Castro puxo en valor que o Plan +Provincia “é o exemplo da esencia que define este goberno provincial, que non é outra cousa que o municipalismo”, unha cuestión que se concreta “escoitando os concellos, dándolles liberdade para que destinen os nosos recursos ás actuacións que eles consideran e respondendo ás súas necesidades”. A deputada provincial incidiu en que con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo “transformar e modernizar esta provincia extraordinaria, mellorando a calidade de vida da cidadanía e o impulsando o seu avance”.

Publicacións Relacionadas