As representacións serán o 3 de xuño na vila da Coca e o 8 de xuño en Pazos a cargo de Polo Correo do Vento
Repartiranse 1.000 exemplares da biografía de Gurriarán entre as bibliotecas e os centros de Primaria de toda a provincia
As actividades das Letras Galegas organizadas dende os servizos de Lingua e Memoria da Deputación de Pontevedra chegarán a 35 concellos de todas as comarcas da provincia para dar a coñecer a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán grazas ao espectáculo ‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’. Na área de Redondela as representacións estarán o 3 de xuño no concello homónimo e en Pazos de Borbén o 8 de xuño.
Trátase dun espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) co Día das Letras Galegas 2022. A deputada de Lingua e Memoria María Ortega considera que o autor é unha das voces máis senlleiras da literatura do exilio polo que nas actividades de realce da súa figura organizadas dende o organismo provincial era precisa unha programación que tivera como protagonismo á cativada. “Por iso ideamos da man da afamada empresa de contacontos ‘Polo correo do vento’, unha actividade que, de xeito ameno e participativo, lles achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á Terra e mantemento da loita polos ideas, mesmo nas peores das circunstancias”, subliñou a nacionalista.
Na actividade alternarase a narración da biografía de Delgado Gurriarán, coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realice a súa propia caricatura do autor.
Foron adxudicatarios das obras os 35 primeiros concellos que presentaron instancia de solicitude, esgotándose os espectáculos dispoñibles apenas en tres horas. Para a deputada María Ortega o interese amosado polos concellos é mostra de que cada vez máis hai consciencia da necesidade de que as administracións locais traballen a prol da lingua e da memoria, achegando a cativada formatos atractivos para tratar os temas segundo a idade.
Ademais das obras sobre Florencio Delgado Gurriarán, a Deputación tamén achegará ás bibliotecas municipais e aos centros de ensino pequenas biografías destinadas á cativada. Para o alumnado de Primaria o servizo Editorial da Deputación editou a peza ‘Levar paisaxes nos ollos’ e para a xente moza editou unha banda deseñada coordinada por Kiko da Silva, con guión de Fernando Llor e ilustracións do alumnado de ‘O Garaxe Hermético’. Cadansúa das publicacións tivo unha tiraxe de 1.000 exemplares.
Máis representacións
Os espectáculos de Polo Correo do Vento comezarán este venres 13 en Poio e estenderanse no tempo ata o 27 de xullo. Na comarca do Condado-Paradanta será en A Cañiza 29 de maio, en Ponteareas o 2 de xuño, Mondariz o 4 de xuño e Salvaterra o 13 de xuño. No Baixo Miño a representación realizarase en Oia o mesmo día das Letras Galegas, o 17 de maio, ás 18 h no Centro Sociocultural de Pedornes, en O Rosal estará o 26, en Tomiño o 29 do mesmo mes ás 17.30h no Auditorio de Goián, e en Tui o 7 de xuño. Na zona do Louriña as representacións serán o 22 de maio en Mos e o 28 de maio en O Porriño, ás 18 horas ao aire libre na rúa San Bieito, coincidindo coa Feira do Libro. Na zona do Val Miñor a representación chegará a Baiona o 10 de xuño e a Gondomar o 3 de xullo.
No Salnés estarán o 7 de xullo en Sanxenxo, o 19 de xullo en O Grove, e o 27 do mesmo mes en A Illa de Arousa, quedando por axendar data aínda en Meis e Ribadumia. Na comarca de Caldas estarán o 1 de xullo en Cuntis, o 2 en Pontecesures, o 7 en Caldas, o 12 en Portas, o 14 en Catoira, o 21 en Moraña. No Morrazo a única representación será en Cangas o 20 de maio ás oito da tarde, aínda pendente de ubicación a confirmar polo Concello.
Na área de Pontevedra as representacións realizaranse este venres 13 no Concello de Poio, ás 17 horas no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, o 24 ás 11h no CEIP de A Lama, o 25 de maio en Ponte Caldelas (19h na Casa da Cultura), o 26 en Cerdedo-Cotobade, e o 5 de xuño en Campo Lameiro. No Deza-Tabeirós, a xeira comezará o 23 de maio en Dozón ás 16 horas no CEIP Pio Cabanillas Gallas, o 29 de xuño estará en Rodeiro, o 6 de xullo en Vila de Cruces e o 22 do mesmo mes en Agolada.