O grupo actuará na Área recreativa As Pedras de San Pedro ás 22:00 horas
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 29 de xuño a Mondariz-Balneario un concerto de Festicultores Troupe enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Área recreativa As Pedras de San Pedro ás 22:00 horas.
Festicultores Troupe é unha banda con 17 anos de historia e máis de 800 actuacións ás súas costas por Portugal, Francia, Serbia ou Polonia, ademais de España, nas que tamén compartiron escenario con artistas como Manu Chao, Radio Bemba, Sound System, Muchachito ou Macaco. Sobre este ou no seu mítico carro amplificado remolcado por un motocultor, a agrupación converte cada festival ou verbena na mellor pista de baile. Estes experimentados cultivadores de festas de Galicia volverán á carga en Mondariz-Balneario coa súa mestura de humor, música e performance, que non deixará indiferente a ninguén.
O concerto de Festicultores Troupe é dunha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.