O grupo actuará na Carballeira de Santa Lucía ás 20:00 horas no marco da Festa do Carneiro ao Espeto
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 27 de xullo a Moraña un concerto de De Vacas enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e, ademais, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Carballeira de Santa Lucía ás 20:00 horas.
De Vacas homenaxearán en Moraña as divas do pop: Whitney, Celine, Mónica, Britney, Beyonce… todas elas compañeiras de traballo, da vida e do amor, que acompañaron coas súas cancións momentos felices. As letras, o seu sinal de identidade, seguen na liña do compromiso co feminismo, o ecoloxismo ou a poesía. As harmonías de voces e guitarra marcan o carácter dun grupo que explotará a enerxía ao extremo no escenario.
O concerto de De Vacas é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.